Skip to main content
Sober

Segue en marcha o concurso para elixir o cartel da XLI Feira do Viño de Amandi

Por 9 Febreiro, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

O Concello do Sober mantén aberto o prazo para presentarse ao concurso de deseño do cartel anunciador da XLI Feira do Viño de Amandi, cuxa data de celebración sería o 27 e 28 de marzo, coincidindo co Domingo de Ramos, pero que a día de hoxe segue no aire á espera da evolución da pandemia sanitaria da covid-19.

Así as cousas, ata o vindeiro luns día 15 poderán presentarse os traballos, que deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi, facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no patrimonio e cultura da zona. De xeito obrigatorio, o cartel proposto deberá levar estes datos: XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina do concello www.concellodesober.com e a data de celebración, 27 e 28 de marzo.

Os traballos deberán presentarse nun sobre pechado, co lema do cartel, sen ningunha identificación. Noutro sobre, que levará escrito o mesmo lema do cartel, introduciranse os datos do autor, tales como nome, enderezo e teléfono de contacto.

A entrega dos orixinais farase no Concello de Sober ata o vindeiro luns, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Tamén poden enviarse por correo postal.

O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria, e o cartel darase a coñecer o 27 de febreiro. O gañador recibirá 600 euros en metálico e unha peza de Gundivós personalizada.

PARTICIPANTES DE TODO O PAÍS

Desde que abrira o prazo de presentación dos traballos para o concurso do cartel anunciador da XLI Feira do Viño de Amandi, o Concello de Sober non deixa de recibir traballos chegados de diferentes puntos do país. De feito, recibiron xa orixinais da Coruña, Cambados, Betxi (Castellón), Sabadell, A Rúa, Mondoñedo, Agoitz (Navarra), Avilés (Asturias) ou Ciudad Real, ademais de varios de Monforte e do propio Sober.