Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Deputación adianta ao 19 de marzo o inicio das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

Por 12 Febreiro, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

Un dos traxectos en catamarán, o ano pasado

A Deputación de Lugo adiantou ao vindeiro 19 de marzo a posta en marcha das rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. Así se confirmou esta venres trala reunión da xunta de goberno do ente provincial, na que se aprobou encargar a prestación do servizo, para este ano, á empresa pública Tragsa, con opción de prorrogar por outros dous, e por un importe de 686.000 euros anuais.

O adianto do inicio das rutas repercutirá “positivamente” na economía da zona, segundo a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen explicou que dende a Deputación apostan “decididamente” por ofrecer este servizo turístico “público e de calidade” porque contribúe de maneira directa a “dinamizar a economía da Ribeira Sacra, axudando á hostalería, ao turismo e ao comercio cando máis o necesitan debido a crise derivada das restricións sanitarias”.

Ademais, indicou Pilar García Porto, o servizo “favorece a proxección da Ribeira Sacra no ano no que esta paisaxe cultural única, estou convencida, será declarada Patrimonio da Humanidade; e é unha maneira eficaz de promocionar o noso territorio a través do turismo, sobre todo neste momento marcado pola pandemia, no que o visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras”.

A voceira socialista lembrou que o ano pasado, e a pesares de que o servizo funcionou tres meses menos do habitual debido ao confinamento e coa capacidade das embarcacións limitada polas medidas de seguridade ante a covid, preto de 21.000 viaxeiros participaron nas rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra.

O servizo de catamaráns estará en funcionamento dende o día 19 de marzo e ata finais de ano, adaptándose ás medidas de prevención da pandemia que poidan ir establecendo as autoridades sanitarias.

AS RUTAS 

A Deputación mantén para a tempada de 2021 as dúas rutas que se viñan ofrecendo: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro Ponte do Sil, e a Ruta Fluvial Cabo do Mundo, que parte do embarcadoiro de Belesar. A primeira é unha travesía de dúas horas que bordea os municipios de Monforte, Sober, Castro Caldelas, Teixeira e Parada de Sil e na que operarán dúas embarcacións cunha capacidade total de 159 prazas. A segunda ruta transita polo Saviñao, Pantón e Chantada, cun catamarán con capacidade para 72 viaxeiros.

As dúas rutas funcionarán xa no mes de marzo: do venres 19 ao domingo 21, e do sábado 27 ao mércores 31, en horarios de mañá e tarde. En abril e maio haberá rutas de mércores a domingo, tamén en horario de mañá e tarde. A maiores, o 17 de maio tamén sairán os catamaráns co motivo da ponte do Día das Letras Galegas.

Xa no verán, en xuño, xullo, agosto e ata o 12 de setembro, funcionarán de luns a domingo e farán tres viaxes diarios. Dende o 12 de setembro e ata finalizar a ponte de decembro retomaranse os horarios de temporada baixa, con dúas viaxes por día entre mércores e domingo. Os catamaráns funcionarán tamén na Ponte do Pilar e o 1 de decembro.