Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXAMonforte

Monforte repartirá 190.000 máscaras sanitarias desde o luns

Por 20 Febreiro, 2021Febreiro 21st, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte vén de anunciar que o vindeiro luns, 22 de febreiro, iniciará un novo reparto masivo de máscaras sanitarias a todos os cidadáns censados no municipio. Distribuiranse un total de 190.000 unidades, co obxecto de facilitar aos veciños e veciñas medidas de prevención e contención fronte á covid-19.

Neste novo reparto, entregaranse 10 unidades de máscaras por persoa, “que é a  maior cantidade repartida por persoa por unha administración pública, tanto local coma autonómica, cun total de 190.000 unidades”, explicou o alcalde José Tomé.

O  Concello xa repartira 70.000 máscaras entre a mocidade do municipio a comezos do pasado mes de xaneiro. No ano 2020 distribuira tamén máscaras entre todos os cidadáns -unhas 150.000 unidades- e destinara outras 23.000 a alumnos dos centros educativos, e 12.000 a comerciantes e hostaleiros da localidade.

Segundo o rexedor local, “con este novo reparto, o Concello de Monforte destinou para a súa poboación, dende o inicio da pandemia, máis de 445.000 máscaras, unha cifra que creo que poucas administracións poden igualar, proporcionalmente falando. Dende o equipo de goberno mantemos así o noso compromiso de seguir axudando de forma continuada ós nosos veciños e veciñas, mentres dure esta crise sanitaria”.

RECOLLIDA NO EDIFICIO MULTIUSOS

As máscaras sanitarias poderán ser recollidas por todos os cidadáns censados en Monforte dende o vindeiro luns, día 22, e ata o venres 26, no Edificio Multiusos (ronda María Emilia Casas Baamonde), en horario de 9.00 a 14.30 horas.

Poderá recollelas un membro da unidade familiar, que deberá presentar o seu DNI, e poderá levar o resto de máscaras correspondentes aos membros da súa unidade familiar, asinando o correspondente ‘recibí’. Do mesmo xeito, poderanse recoller mascarillas doutras persoas presentando a correspondente autorización asinada.

O persoal municipal encargado do reparto farao a través de catro mesas, seguindo as listaxes correspondentes establecidas por domicilios e rúas. Esas listaxes colocaranse tamén á entrada do Multiusos para que cada persoa saiba a que mesa debe dirixirse.

O alcalde pide aos cidadáns que non acudan o primeiro día “de xeito masivo”, a fin de evitar aglomeracións. “Cremos que hai tempo suficiente para recollelas ó longo de toda a semana e, se fose necesario, poderíamos ampliar os días para a recollida”, asegura.

RESIDENCIAS DE MAIORES

No caso das residencias de maiores -como son o a Residencia da Terceira Idade do Malecón, o Asilo de Anciáns Fogar de San José, a Residencia DomusVi, a Residencia de Anciáns Asimédica- así como o centro de Prodeme, será o persoal do Concello o que achegue as máscaras que corresponden a cada centro, para seren repartidas polos responsables do mesmo entre os internos.