Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Catorce viticultores da Ribeira Sacra reciben achegas para mellorar a súa produción

Por 1 Febreiro, 2021Febreiro 18th, 2021Sin comentarios

Viñedos na Ribeira Sacra

Catorce viticultores da Ribeira Sacra beneficiaranse das axudas que convoca a Consellería do Medio Rural para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. O DOG deste luns, 1 de febreiro, publica a relación de persoas beneficiarias destas achegas. En total, 166 viticultores galegos recibirán preto de tres millóns de euros para desenvolver accións que permitan reordenar e mellorar a produción vinícola galega. A superficie de viñedo total na que se vai actuar grazas a estas subvencións é de case 290 hectáreas.

No caso da provincia de Lugo resultaron beneficiarias 14 persoas e reestruturaranse 21,9 hectáreas de viñedos. Pontevedra encabeza a listaxe en canto a número de beneficiarios, con 123,5 hectáreas e 62 persoas. Séguelle Ourense, con 92 hectáreas e 78 persoas beneficiarias, e na Coruña reestruturaranse 51,7 hectáreas de 12 persoas.  

Por zonas vitícolas, o maior número de beneficiarios corresponde á Denominación de Orixe Rías Baixas (73), logo a de Valdeorras (29), seguida do Ribeiro (25), Ribeira Sacra (16) e Monterrei (22). A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo conta cunha persoa beneficiaria.

SECTOR COMPETITIVO

Os principais obxectivos destas axudas da Consellería de Medio Rural son levar a cabo reaxustes estruturais que fagan diminuír os sobrecustos de produción das explotacións vitícolas de Galicia, onde predomina o minifundio. Ademais, conséguese a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado, adaptando as producións á demanda, á vez que se preservan as variedades viníferas autóctonas da nosa comunidade. Deste xeito, aprovéitase a elevada calidade diferenciada da uva como vantaxe competitiva nun mercado cada vez máis globalizado.

Así mesmo, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, á vez que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable, facilitando o acceso ás explotacións das persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras.

A resolución do DOG pode consultarse a través do enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210201/AnuncioG0426-190121-0004_gl.html