Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Reclaman axudas para o sector vitivinícola

Por 4 Febreiro, 2021Sin comentarios

Viñedos da Ribeira Sacra

A Asociación Galega de Viticultura reclama reclama axudas para o sector vitivinícola e modificacións no Plan de Apoio ao Sector Vitivinícola (PASVE),que se está a redefinir, para incluír este tipo de explotacións.

A AGV-Fruga insta á Xunta a defender diante do Ministerio de Agricultura unha “reorientación dos fondos” que permita que tamén poidan chegar ás explotacións vitícolas “que son a base do sector”, e que se reaxuste a medida da promoción en terceiros países, “de xeito que se poidan financiar campañas de promoción a nivel interno e europeo ás que poidan ter acceso as adegas pequenas e medianas que constitúen o maior número do sector vitícola galego”, explican.

Dende a asociación galega inciden en que, nun panorama “cun 4% menos de fondos, por mor do recorte orzamentario da nova PAC, e nos tempos de crise que temos por diante” é fundamental “que se faga chegar parte dos fondos aos puntos máis febles do sector: as persoas viticultoras e as adegas pequenas e medianas. É bo recordar que non é só unha cuestión de supervivencia económica, é que estes tamén son un punto importante na conservación do territorio e fixación de poboación nun rural que se nos está desertizando”.

A Asociación Galega de Viticultura tamén considera que é competencia, e responsabilidade, do conselleiro do Medio Rural habilitar os mecanismos necesarios que permitan un maior acceso dos distintos axentes do sector vitivinícola galego aos fondos do PASVE. “Se partimos dos datos oficiais do Fondo Español de Garantía Agraria, entre outubro do 2019 e outubro do 2020 fíxose un total de pagos 212,7 millóns de euros ao sector vitivinícola do estado español, e dos cales só chegaron ao sector galego 2,4 millóns. É dicir un 1,1%. Con este volume de inxección de fondos pouco dinamismo se lle pode dar a un sector”, lamentan.

Para a AGV medidas “estrela” do Ministerio de Agricultura, como son a destilación e a poda en verde, “non son a solución, nin tan sequera paliativa” para o sector vitivinícola galego. “A vitivinicultura galega necesita que se reorienten e axusten as medidas propostas polo Ministerio”. A súa proposta pasa por manter e reforzar a medida de axudas de reestruturación e reconversión do sector; ampliar a medida de promoción en terceiros países e que se contemple a promoción na Unión Europe e a nivel interno, e se facilite o acceso ás pequenas e medianas adegas; ampliar as inversións ás explotacións vitícolas e non tan só ás adegas; e crear unha medida de axudas que teñan como marco de referencia os obxectivos medioambientais das explotacións.

Dende a asociación tamén seguen a reclamar a Medio Rural que se habiliten “fondos extraordinarios, autonómicos ou estatais, de axudas directas para o sector vitivinícola, que está nunha grave situación polo castigo sufrido durante todo o exercicio anterior polo peche do canle HORECA e a caída dos mercados, e que nestes momentos xa está cos traballos preparatorios da próxima colleita sen que se lle vexa saída ás vendas das existencias nas adegas”, conclúen.