Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Avanza a recuperación do patrimonio da comarca con vistas a ser Patrimonio da Humanidade

Por 20 Febreiro, 2021Sin comentarios

O conselleiro visitou as obras da igrexa de Santo Estevo

A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño é un dos bens patrimoniais da Ribeira Sacra que se está a poñer en valor de cara á posible declaración da zona como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou onte as obras de restauración deste templo, no que o Goberno autonómico inviste 300.000 euros. Esta cantidade forma parte dos 3 millóns de euros que destinan a restaurar, conservar e poñer en valor bens patrimoniais en seis concellos da comarca desde o inicio da candidatura.

Segundo explicou o conselleiro, trátase dun esforzo orzamentario que “se reflicte nun incremento do 19%” nos fondos dedicados a conservación de bens patrimoniais. “O patrimonio cultural simboliza o noso pasado e debemos impulsar a súa recuperación para non esquecer de onde vimos e encarar o noso futuro”, afirmou. Neste sentido, destacou que a Ribeira Sacra representa “o mellor do noso patrimonio cultural e artístico, polo que é importante que continuemos traballando na súa conservación para que siga sendo un legado vivo e unha fonte de orgullo para todos os galegos”.

No caso concreto da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, a intervención impulsada pola Xunta de Galicia, e confinanciada con fondos FEDER, está a permitir mellorar as condicións de conservación e mantemento deste monumento recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento desde 1931. Así, o proxecto en marcha céntrase nas condicións de conservación e mantemento dos paramentos exteriores da fábrica, reparando gretas e fisuras, así como na mellora das condicións de ventilación da igrexa e elementos escultóricos do exterior do templo. Concretamente, os técnicos están a restaurar a cuberta da nave e ábsida substituíndo as tellas de cerámica, a estrutura de madeira e as xanelas existentes por outras que permitan a ventilación continua. Así mesmo, restáuranse os elementos deteriorados das portas principais e laterais da igrexa e redáctanse os proxectos de restauración dos elementos escultóricos da portada, ocos románicos e cornixas. Para poder realizar estes traballos, a Consellería de Cultura asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo.

A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño é un dos bens máis emblemáticos da Ribeira Sacra. O seu interior, datado a finais do século XII, é similar ao da veciña San Paio de Diomondi e conta cunha soa nave dividida en catro tramos e con teitume a dúas augas de madeira. Como no caso de Diomondi, esta cuberta apóiase sobre grandes arcos transversais oxivales de posible orixe posterior á fábrica principal da igrexa, claramente románica. Ademais, conta cunha fachada principal dividida en dúas partes por un gran parteluz de arquitos semicirculares peraltados, apoiados en canzorros decorados con florones cuadrangulares inclinados.

QUINCE INTERVENCIÓNS

Neste sentido, Román Rodríguez precisou que desde o ano 2107 executáronse melloras en preto dunha quincena de bens da provincia de Lugo como as igrexas de Santa María de Nogueira de Miño e Santa María de Pesqueiras, en Chantada; o colexio do Cardeal, a igrexa de San Vicenzo do Pino e o convento das Clarisas, en Monforte de Lemos; o Pazo de Diomondi, no Saviñao; no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón e nas igrexas de Santo Estevo de Atán e de Pombeiro, en Pantón; na igrexa de San Xoán, de Portomarín, ou nas igrexas de San Vicenzo de Pinol e San Xiao de Lobios, en Sober.