Skip to main content
Chantada

Novo cambio nos horarios do transporte escolar do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada

Por 19 Febreiro, 2021Febreiro 21st, 2021Sin comentarios

Segundo cambio, en pouco máis de dez días, nos horarios de saída dos buses do transporte escolar do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada. A Xunta anunciou este venres que seis dos oito autobuses que recollen aos alumnos á saída do comedor sairán ás 15.30 horas -e non ás 16.00 horas como viñan facendo-, mentres que os outros dous autobuses que fan este servizo manteñen a saída ás 15.15 horas.

É a resposta do Goberno autonómico ás reclamacións da Asociación de Nais e Pais do centro, que pedían o adianto das saídas de todos os buses e non só das dúas liñas que se cambiaran fai pouco máis dunha semana “a petición da dirección do centro”.

Instalacións do CEIP Xoán de Requeixo

Co novo cambio, a saída dos nenos e nenas do colexio adiantarase en 30 ou 45 minutos, dependendo do autobús e, ademais, facilitarase que os escolares poidan saír de xeito gradual.

“O cambio fíxose esperar moito, pero estamos bastante satisfeitos. Polo menos os nenos e nenas non terán que seguir esperando preto dunha hora polos autobuses”, di a presidenta da Anpa, Ana Fernández, quen lembra que ata agora “os nenos tiñan que agardar polos buses no patio exterior do colexio, nuns meses nos que fai moito frío e, por riba, non podían xuntarse entre as diferentes clases, polo que se daba o caso de algún que tiña que esperar totalmente só no patio durante ese tempo”.

UNHA HORA DE ESPERA 

A Anpa do CEIP Xoán de Requeixo leva todo o curso en xaque por mor dos horarios do transporte escolar. En setembro, xa iniciadas as clases, o colexio pasaba de xornada partida a xornada continua, aducindo motivos relacionados coa prevención da covid-19. Cambiaba entón o horario do colexio, pero non o dos buses que fan o servizo no centro. Isto supoñía que algúns nenos voltaban ás súas casas ás 14.30h -ou ás 15.15 horas, unha vez finalizado o servizo de comedor-, pero os que volvían en autobús víanse na obriga de agardar ata as 16.00 horas nos patios exteriores do centro. A Anpa aprezaba nesta situación unha “discriminación” hacia os menores “polo simple feito de vivir en núcleos rurais”.

Despois de cinco meses loitando por unha solución, a Xunta notificáballes a semana pasada o cambio inmediato no horario de dúas liñas, a de Basán Pequeno e a de San Lucas. Dúas, das oito que funcionan no CEIP chantadino, unha solución que non caía nada ben entre os pais e nais do colexio, que decidían presentar un escrito ante a Xefatura Territorial de Educación, solicitando novamente o cambio no horario da totalidade das liñas. Un cambio que ao fin chega a Chantada.