Skip to main content
Chantada

O PP insta á Deputación a poñer en marcha o club náutico de Belesar

Por 26 Febreiro, 2021Sin comentarios

O popular Javier Castiñeira, nas instalacións do club náutico

O PP insta á Deputación de Lugo a que negocie con Fenosa unha nova concesión do club náutico de Belesar “e poña en valor para todos os lucenses, e en especial para os veciños de Chantada” estas instalacións. Na súa opinión, o goberno provincial “non pode prescindir de todo este capital e debe facer todo o posible con Fenosa para recuperar a concesión  e sacala de novo a licitación con urxencia para que neste ano Xacobeo estea en funcionamento”.

O voceiro do grupo provincial dos populares, Javier Castiñeira, asegura que o bipartito provincial “deixou caducar, en agosto do pasado ano”, a concesión das instalacións náuticas de Belesar, que tiña concedidas por Fenosa durante 30 anos. “Parécenos unha mostra máis da absoluta desidia do PSOE e do BNG co patrimonio provincial, e máis concretamente coas áreas recreativas provinciais do interior da provincia, como vimos denunciando dende hai moitos meses”, di.

Neste senso, os populares instan á Deputación a xestionar con Fenosa unha nova concesión e a poñer en funcionamento o club náutico, “o que sen dúbida dinamizaría o turismo nunha zona na que se debe aproveitar este recurso, a presa de Belesar, con un magnífico entorno natural e moi representativo da Ribeira Sacra, que esperemos que este ano sexa declarada Patrimonio da Humanidade”.