Skip to main content
Monforte

Máis de 35.000 pasaxeiros usaron o novo bus urbano de Monforte

Por 7 Febreiro, 2021Sin comentarios

Imaxe de arquivo da presentación do novo bus urbano

O Concello de Monforte estreaba, o 1 de febreiro de 2020, un servizo de bus urbano renovado: cun vehículo novo,  accesible a todos os cidadáns e, sobre todo, de balde para o conxunto dos usuarios. Cando se vén de cumprir un ano da súa posta en funcionamento, o alcalde do municipio presentou os datos do número de pasaxeiros que utilizaron o servizo durante ese período, e que avalan a boa acollida do mesmo.

Así, José Tomé destacou que “o novo bus urbano de Monforte transportou, nos últimos 12 meses, un 140% máis de persoas que en 2019. En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019”.

O rexedor monfortino destaca que, a tenor dos datos,  o novo bus urbano tivo unha “excelente acollida” por parte dos cidadáns, e por iso “dende o equipo de goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os veciños e veciñas”.

Hai que ter en conta ademais que o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de dous meses, dende o 14 de marzo ao 10 de maio, por mor do estado de alarma decretado a raíz da crise da covid-19.

SERVIZO PIONEIRO

O bus urbano que comezou o seu servizo hai agora un ano en Monforte é “un caso único en Galicia e practicamente en toda España” xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e ser accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para os usuarios.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este  novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado. E é que para o equipo de goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das nosas políticas sociais”, explicaba Tomé.

O autobús municipal de Monforte é un vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter, que dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé. Ten unha plataforma ou rampa de acceso adaptada para persoas con discapacidade ou con mobilidade reducida, unha máquina rexistradora de usuarios, pantalla de televisión informativa, conexión wifi con acceso de balde, puntos de recarga USB, xeolocalizador GPS, desfibrilador externo semiautomático, e mesmo conta co sistema ‘Alcolok’, que impide que un condutor baixo a influencia do alcol poida conducir.