Skip to main content
Monforte

Monforte licita a construción do parque do barrio do Hospital

Por 9 Febreiro, 2021Febreiro 14th, 2021Sin comentarios

Plano do novo parque

O Concello de Monforte vén de anunciar a publicación do anuncio de licitación para a construción do novo parque do Barrio do Hospital, que conta cun orzamento máximo de preto de 556.000 euros.

O prazo para a presentación das ofertas rematará o vindeiro 28 de febreiro. Está previsto que a mesa de contratación, para a apertura das ofertas que se presenten, se celebre o luns 8 de marzo. O prazo de execución da obra será de catro meses, desde a sinatura da correspondente acta de replanteo.

O alcalde de Monforte, José Tomé, salienta que, co inicio deste proceso de licitación, “seguimos avanzando na consecución deste importante proxecto construtivo, un logro de enorme relevancia, que fará que Monforte teña un novo parque público no Barrio do Hospital, que suporá a posta en valor desta parte da cidade, aportando importantes servizos para os seus veciños”.

DOTACIÓNS

O proxectado parque ubicarase na parcela que linda coa finca do Hospital Comarcal, coa rúa Corredoira, coa rúa Codesás e coa Ronda María Emilia Casas Baamonde. Contará con varias zonas de céspede, un área de xogos infantís, paseos peonís, aparellos biosaudables de ximnasia para maiores e unha zona de estacionamento, dunhas 60 prazas, para vehículos motos, bicicletas así como prazas para minusválidos, que, como explicou o alcalde, “contribuirá a paliar o déficit de estacionamento que ten o Hospital Comarcal, tanto para os veciños que van a consulta como os que van de visita”.

O proxecto conta cun investimento máximo de 555.934,16 euros, dos que a Deputación de Lugo aporta 150.000 euros, e o resto o Concello.