Skip to main content
Monforte

A Praza de Abastos de Monforte recupera a peixería

Por 15 Febreiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

A Praza de Abastos de Monforte volverá ter un posto adicado á venta de produtos do mar. O Concello vén de anunciar a adxudicación do posto de peixería á empresa Da Lonxa ao Prato S.L, con sede en Ribeira, que ten como actividade a venda de peixe, marisco e produtos elaborados procedentes da pesca artesanal da frota de baixura galega.

A praza recupera deste xeito un posto de venta de peixe e marisco frescos, que ampliará a variedade de servizos e produtos que o mercado ofrece xa aos monfortinos e monfortinas.

A empresa adxudicataria está a realizar os trámites pertinentes co Concello de Monforte para formalizar canto antes o contrato de uso do posto número 9 da Praza de Abastos.

A maiores do que é a xestión do posto en sí, os responsables da peixería teñen previsto realizar distintas accións e actividades co obxecto de contribuír á dinamización do mercado monfortino. Así, e entre outras ideas, pensan na realización de obradoiros de cociña para nenos e nenas, ou na celebración de xornadas gastronómicas para a elaboración do seus produtos no propio local.

Plantéxanse, de igual xeito, organizar visitas guiadas de turismo mariñeiro a bancos de produción de marisco así como á propia lonxa de procedencia dos produtos que expoñen á venda para que os clientes “se empapen da frenética actividade da rula”.