Skip to main content
Monforte

Os hostaleiros de Monforte, exentos de pagar as taxas de terrazas este semestre

Por 16 Febreiro, 2021Febreiro 17th, 2021Sin comentarios

Os hostaleiros de Monforte non terán que aboar as taxas de terrazas durante o primeiro semestre deste ano, dende o 1 de xaneiro ao 30 xuño.

A decisión anunciouna este luns o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen explicou que, para que esta iniciativa saia adiante, o equipo de goberno local levará ao vindeiro pleno, que se celebrará o luns 22 de febreiro, unha proposta de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de  terreos de uso público por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa, “co obxecto de que haxa unha maior seguridade xurídica nesta decisión de axuda á hostalería”.

Previamente á celebración do pleno, a proposta da exención das taxas de terrazas figura como punto número 4 na orde do día da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas, que se celebrará este mércores 17 de xeito telemático.

“Deste xeito, esta proposta engádese ás diversas medidas tomadas por este equipo de goberno ao longo do ano 2020, en apoio ao sector da hostalaría ante a crise da covid-19. Un sector que o está pasando mal, debido aos sucesivos peches que está sufrindo por mor desta pandemia, polo que dende o Concello seguiremos desenvolvendo medidas de apoio”.

Tomé adiantou que o Concello de Monforte estuda “outras posibilidades de axuda” ao sector hosteleiro, “que serán definidas unha vez que se coñeza a normativa da Xunta de Galicia sobre as axudas que realizará dos fondos que veñen da Unión Europea así como do Goberno de España”.