Skip to main content
Monforte

Os datos da reciclaxe reflicten a crise da covid en Monforte

Por 18 Febreiro, 2021Sin comentarios

Os efectos da pandemia da covid-19 sobre o sector do comercio son innegables pero as súas consecuencias déixanse sentir moito máis alá do que a priori se podería pensar. Un exemplo atopámolo nos datos da reciclaxe.

O Concello de Monforte vén de presentar as cifras correspondentes ao ano 2020 e, malia que os datos xerais melloraron con respecto ao ano anterior, o certo é que a recollida de papel e de cartón destinados a reciclar sufriu un retroceso. Esta situación podería vir dada precisamente polos peches temporais de moitos establecementos comerciais durante a actual situación sanitaria, xa que estos establecementos son uns dos principais xeradores deste tipo de residuos.

“As cifras de recollida de residuos en 2020 son mellores que en 2019 e que en 2018”, apuntou o alcalde monfortino, “polo que dende o Concello agradecemos aos cidadáns de Monforte a súa concienciación e colaboración, xa que están contribuíndo decisivamente a facer do concello unha cidade máis limpa á vez que contribúen á protección do medio ambiente”.

Especialmente significativos son os aumentos experimentados na recollida de plásticos agrícolas (con 5,6 toneladas recollidas, e unha suba do 40,7%) e pilas (cunha suba do 31,5% e preto de 1,2 toneladas retiradas). Destacan tamén os datos en canto á subida na recollida de envases do contenedor amarelo (+3,4%), así como de aceite doméstico (+7,4%) ou vidro (+0,5%).

En canto á recollida de mobles, electrodomésticos e enseres, o número de avisos aumento un 44%, pasando das 1.027 chamadas atendidas en 2019 a 1.477 en 2020.

No caso do contenedor azul, no que se depositan todo tipo de produtos de papel, tales como revistas, follas, xornais ou caixas de cartón e envoltorios, a recollida baixou un 10,6%, cun total de 303 toneladas retiradas o ano pasado, 37 menos que no ano anterior.