Skip to main content
Monforte

Unha estudante monfortina, 4º posto na fase autonómica da Olimpíada de Bioloxía

Por 21 Febreiro, 2021Sin comentarios
Unha alumna de 2º de Bacharelato do IES A Pinguela, de Monforte, Lucía Varela Méndez, vén de acadar o cuarto posto nas probas presenciais da fase autonómica galega da XVI Olimpíada de Bioloxía que se celebrou en Vigo.
Nestas probas participaron os 20 mellores alumnos da fase clasificatoria previa. As primeiras posicións foron para alumnos do IES República Oriental do Uruguay (Vigo), Colexio M. Peleteiro (Santiago) e IES Otero Pedrayo (Ourense).
Desde o instituto monfortino felicitan a Lucía Varela polo éxito que supón acadar un dos primeiros postos nesta Olimpíada de Bioloxía, “que premia e recoñece un esforzo importante que seguro mellorou os seus coñecementos e o amor pola materia”.

Lucía Varela co seu diploma acreditativo

A fase autonómica galega da Olimpíada de Bioloxía convócaa a Asociación Olimpíada Española de Bioloxía (OEB) baixo o patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, a facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, as facultades de Bioloxía das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, a directora do Grupo de Traballo de Bioloxía da Selectividade e máis Inspección de Educación da Xunta de Galicia.

O obxectivo principal deste campionato de Bioloxía é estimular e implicar ao estudantado de Bacharelato no desenvolvemento desta ciencia, conscientes de que os retos científicos, presentes e futuros, non poderán afrontarse con éxito sen unha formación biolóxica importante das novas xeracións de estudantes, entre as que é indispensable fomentar a aparición de novas vocacións de estudo e investigación en Bioloxía.