Skip to main content
Monforte

O teatro volve a Monforte este xoves

Por 22 Febreiro, 2021Sin comentarios

Monforte recupera este xoves ao teatro, protagonista da axenda cultural organizada polo Concello para o primeiro trimestre deste ano. A primeira das obras previstas neste ciclo, ‘O mozo da última fila’, de Redrum Teatro, tiña que terse presentado o pasado 28 de xaneiro pero foi aprazada por mor das restricións decretadas polas autoridades sanitarias fronte á pandemia da covid-19.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ao primeiro semestre de 2021, o vindeiro xoves, 25 de febreiro ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos, terá lugar a posta en escena da segunda das obras previstas para adultos: ‘O mel non caduca’, da compañía Ibuprofeno Teatro, obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Marián Bañobre e Avelino González.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros, quedando en tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.

‘O mel non caduca’ é un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Concello de Monforte, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, será ‘Macbeth. O ruído e a furia’ da compañía Estudo Momento. Representarase o xoves 11 de marzo no Edificio Multiusos.

PROTOCOLO ANTI-COVID

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante a covid-19. En primeiro lugar, a capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación. Nesta ocasión será dun máximo de 110 persoas, mantendo as correspondentes medidas de distanciamento social.

A venda de entradas farase desde unha hora antes da actuación e a entrada ao salón de actos realizarase desde trinta minutos antes do comezo da obra. Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans. Gardarase a distancia social de seguridade e non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.