Skip to main content
Monforte

Monforte reserva un espazo para a vacinación diante do ambulatorio

Por 23 Febreiro, 2021Sin comentarios

Espazo reservado diante do centro de saúde monfortino

O Concello de Monforte vén de reservar un espazo para a administración das vacinas da covid-19 diante do centro de saúde da localidade. O goberno local pretende deste xeito facilitar o desenvolvemento do proceso de vacinación da poboación do municipio.

A decisión acordouse na xunta de goberno celebrada este luns no consistorio monfortino, na que se resolveu favorablemente a petición de colaboración presentada ao Concello monfortino polo Servizo de Atención Primaria de Monforte.

Así as cousas, o Concello procedeu a acotar con vallas o espazo que hai diante do ambulatorio, na rúa Doutor Casares, en concreto desde o aparcamento reservado a persoas con discapacidade ata a porta da entrada principal do centro de saúde, nunha lonxitude duns 15 metros.

O espazo quedou reservado onte, co fin de ser utilizado polo persoal sanitario no proceso de vacinación que comeza cos maiores de 80 anos, e manterase mentras dure ese proceso.

O alcalde de Monforte, José Tomé, explicou que “desde o Concello colaboramos co Sergas e coa Consellería de Sanidade para facilitar un proceso de vacinación que se inicia coas persoas maiores de 80 anos, e que agardamos se desenvolva con normalidade e éxito, a fin de que cada vez sexa maior o número de veciños e veciñas vacinados, de cara a alcanzar a necesaria inmunidade de grupo que nos permita ir superando esta crise sanitaria”.