Skip to main content
Monforte

Monforte abre o concurso para elixir o cartel das Festas Patronais

Por 23 Febreiro, 2021Febreiro 25th, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte de Lemos vén de convocar o concurso de deseño do que sairá o cartel anunciador das Festas Patronais deste ano, sempre que as circunstancias relacionadas coa crise da covid-19 permitan celebrar os festexos. O prazo para presentar as solicitudes ábrese hoxe, martes 23, unha vez sexan publicadas as bases na web do Concello.

As persoas interesadas en participar no certame terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e mailo formato será libre, sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.

Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2021”, distribuído do xeito que escolla o autor.

A entrega de orixinais realizarase, persoalmente ou por correo, no rexistro xeral do Concello de Monforte ata o vindeiro 3 de maio. Non se aceptarán aquelas obras que leven cuño de correos con data posterior.

As obras non levarán o nome do autor ou autora de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.

Establécese un único premio, que será o cartel anunciador e a portada do programa das festas patronais de Monforte, e dótase cunha cantidade de 1.000 euros. A decisión do xurado coñecerase o día 10 de maio.

O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ao autor, non obstante a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e de balde en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos.

EXPOSICIÓN

O cartel gañador, xunto a unha selección dos mellores traballos presentados, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Lois Pereiro. Unha vez rematada a exposición serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores.