Skip to main content
Monforte

Desestimada unha denuncia contra o Concello de Monforte por unha caída na rúa Compañía

Por 25 Febreiro, 2021Sin comentarios

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo vén de desestimar unha denuncia contra o Concello de Monforte, presentada a raíz dunha caída sufrida na rúa Compañía.  A persoa implicada pedía unha indemnización de 17.660 euros.

O sinistro polo que se interpuxo a demanda contra o Concello monfortino produciuse o 13 de abril de 2018, cando a persoa afectada ía camiñando pola rúa Compañía, á altura do nº 2, cando, segundo explicaba na denuncia “ao cruzar o paso de peóns caeu ao chan por culpa do mal estado da vía, concretamente por un resalte que estaba situado máis ou menos no centro do paso de peóns, sufrindo como consecuencia de dita caída unha serie de lesións en xeonllo dereito e ombreiro dereito”.

Ao lugar acudiu unha patrulla da policía local que elaborou un informe e sacou fotografías da zona, ademais de avisar ao 112 para que enviasen unha ambulancia, que trasladou á persoa ao hospital comarcal.

Concello de Monforte

SENTENZA DESESTIMATORIA

O xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo considerou probada a caída na vía pública da persoa demandante, xa que a Policía Local de Monforte foi avisada do suceso, e tamén existe un parte de urxencias do hospital comarcal. Se ben, o motivo principal que supuxo para o xulgado a desestimación desta demanda contra o Concello foi a “inexistencia de nexo causal” xa que, “o obstáculo que a reclamante califica como causante da súa caída non acada a relevancia ou perigosidade necesaria para servir de nexo causal entre a caída que nos ocupa e os danos causados por esta e o normal ou anormal funcionamento de servizos públicos”.

A sentenza conclúe que “atopámonos ante unha levísima irregularidade no pavimento e ante un desgraciado resultado lesivo, pero non existe ningún funcionamento anormal do servizo público, por canto esa irregularidade debe poder ser salvada no deambular normal dos viandantes. Proba delo é que, tratándose dunha rúa asiduamente transitada na localidade non se tén noticia (non consta) doutros accidentes acontecidos no mesmo punto”.