Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón reparará a potabilizadora que danara un temporal

Por 18 Febreiro, 2021Sin comentarios

A deputada de Medio Rural co alcalde da Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón e maila Deputación de Lugo veñen de asinar un convenio de colaboración para a reparación dunha liña eléctrica de media tensión que subministra alimentación á estación de bombeo de augas, de titularidade municipal.

O obxectivo deste convenio é “dar unha resposta áxil a unha demanda moi urxente que nos trasladaron desde o Concello despois dos danos causados polo temporal Dora na liña que subministra electricidade á estación de bombeo de augas”, segundo explicou a deputada responsable da área de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire. Deste xeito, dixo, “tratamos de atender as necesidades prioritarias no ámbito rural dos concellos da provincia de Lugo”.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, lembrou que as intensas choivas sufridas durante o temporal os pasados 4 e 5 de decembro afectaron á planta potabilizadora de Río Loureiro e á ETAP de Domiz. “Afortunadamente puidemos recuperar o servizo coa instalación dun xerador eléctrico que reactivou a potabilizadora, pero o custe deste tipo de solucións provisionais é moi elevado polo que a posibilidade de acometer a reparación definitiva foi moi positivo para o concello”, manifestou.

A estación de bombeo de augas dá servizo a nove parroquias do municipio, que ten uns 900 habitantes. Tratáse da Pobra do Brollón, Abrence, Castroncelos, Cereixa, Eixón, Estación, Fornelas, Lamaigrexa e Pinel, nas que hai varias explotacións gandeiras con animais que “non poden estar pendentes dun corte na subministración de auga”, subliñou o alcalde.

A reparación da liña require un investimento de 15.400 euros, dos cales a área de Medio Rural da Deputación achega 12.000 euros e o Concello, o resto.