Skip to main content
Quiroga

Arquivada a denuncia por prevaricación contra o alcalde de Quiroga

Por 19 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Xulgado de Monforte de Lemos vén de arquivar a denuncia por prevaricación administrativa e tráfico de influencias presentada contra o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o exsecretario municipal Luís Nieto Lago, por un suposto trato de favor cara a un familiar dunha persoa investigada pola xuíza Pilar de Lara.

A causa comezou, segundo a información facilitada polo Concello, no ano 2017, no marco dunha peza separada doutra investigación coordinada pola xuíza Pilar de Lara e realizada por Vixilancia Aduaneira, centrada nese caso nun suposto branqueo de capitais e contrabando, na que figuraba como implicado un veciño de Quiroga.

No transcurso desa investigación, “a este señor foille interceptada unha conversación cun dos seus irmáns, na que nomearon ao alcalde de Quiroga”, o que motivou que a xuíza abrise “unha peza separada” e lla remitise ao Xulgado Número 2 de Monforte. O xulgado abriu entón unha investigación no ano 2017 e pechouna esta semana, o 16 de febreiro, dado que arquivou “definitivamente o caso” por ese suposto trato de favor.

Despois da instrución, recollida en máis de 1.300 folios, a causa foi arquivada porque “non foi achada ningunha reclamación, dato concreto ou incidencia” que puidese probar que houbo un trato de favor cara ao familiar da persoa investigada na outra causa. Ademais, o investigado pola xuíza Pilar de Lara recoñeceu “nas súas declaracións non ter ningunha relación co alcalde, máis aló da amizade como veciño de Quiroga”, conclúe o comunicado do ente municipal.

Julio Álvarez