Skip to main content
Sober

Proxectan crear un Museo de oficios perdidos en Sober

Por 9 Febreiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

A parroquia de Gundivós, en Sober, podería acoller un Museo de oficios perdidos. Ese alomenos é o proxecto no que traballa o pintor e escultor Modesto Trigo, natural do municipio, que deste xeito quere achegar ao seu concello parte da súa obra pictórica, como tamén traballos doutros artistas.

Pero a idea de Modesto Trigo vai máis alá desa parte artística, e pretende converterse tamén “nun espazo de referencia” para rescatar oficios perdidos ou case perdidos, como pode ser o de canteiro. Os cadros que formen parte das exposicións explicarán a tradición histórica e con eles animará a recuperar esas profesións como un xeito de asentar poboación no rural.

O artista ten previsto acondicionar tamén un taller no que poder traballar as temporadas que estea en Sober, así como buscar diferentes espazos colaboradores nos que poida expoñer a súa obra, relacionada directamente co rural da zona e de toda a Ribeira Sacra.

Como el mesmo explica, “trátase de poder pintar aí e traballar no concepto de aldea global desde o lugar no que nacín. Desa maneira o traballo que se faga servirá como resonancia de Gundivós e de Sober”.

Modesto Trigo recoñece que se trata dun proxecto “ambicioso” que reúne arte, ciencia e sustentabilidade, “non é só expoñer arte, senón facerlle ver á xente que no rural tamén hai posibilidades”, asegura.

O pintor, natural de Gundivós, está afincado en Madrid e a súa obra pictórica percorreu exposicións por todo o mundo. Na actualidade prepara unha exposición no Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid titulada ‘Arte y Ciencia’.

Autorretrato do pintor Modesto Trigo