Skip to main content
Sober

Poesía e teatro polo Día de Rosalía de Castro en Sober

Por 18 Febreiro, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A Biblioteca e a Escola Municipal de Teatro de Sober levarán a cabo unha serie de actividades, no marco das ‘Merendas con contos’, con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro, o vindeiro mércores 24. A programación, que leva por lema ‘Poetízate!’, desenvolverase a través das redes sociais debido á actual situación sanitaria.

As actividades comezarán coa difusión dun poema creado a partires de diversos textos de Rosalía de Castro para un público infantil. Irase subindo á rede en forma de diferentes estrofas e o día 24, efeméride oficial da autora galega, publicarase o poema ao completo.

Ao mesmo tempo, a biblioteca lanzará a través das súas redes un pequeno reto para tódolos públicos. Trátase de descubrir os textos dos que foron tomadas as estrofas que se irán presentando. Para iso pódense consultar os exemplares dispoñibles na biblioteca, ou ben indagar a través de internet. Con este xogo preténdese promover o coñecemento da obra de Rosalía de Castro así como volver atraer ao público ás instalacións culturais.

TEATRO

Dentro das actividades programadas, hai tamén outra vencellada ao teatro, aínda que levado tamén ao eido dixital. Neste caso, lánzase un segundo reto, que consistirá en que as persoas fagan a súa propia interpretación dos versos escollidos polo equipo organizador, que se publicarán nos vindeiros días.

O cometido será realizar unha gravación intentando dar resposta á pregunta que Rosalía de Castro deixou nos versos: “Que pasa ao redor de min?”. Serán vídeos breves, dunha duración máxima de entre 10 e 15 segundos.

O prazo para entregar e publicar os contidos a través das redes sociais municipais estenderase durante toda a semana que vén.

Con esta programación, a Biblioteca e maila Escola de Teatro de Sober buscan integrar a poesía na realidade cotiá, así como poñer en valor a creatividade cidadá e celebrar a cultura en todas as súas formas e dimensións.