Skip to main content
Cultura SARRIAXADeportes SARRIAXASarria

Entrevista: “É un orgullo que o DH Urbano de Sarria estea entre os mellores de Europa”

Por 28 Febreiro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

O DH Urbano Vila de Sarria é un dos eventos máis recoñecidos da comarca. Os que o viviron en primeira persoa, sexa como participantes ou como espectadores, coinciden en que é unha das probas de ciclismo de montaña máis espectaculares e ben organizadas do país. Detrás dese evento está o club local DH.Galicia que viña preparando uns sete eventos ao ano, ata que a actual situación sanitaria os obrigou a frear. Agora, desexan avanzar no camiño á normalidade para que a bicicleta volva ser protagonista en Sarria.

Falamos con David Gómez, un dos membros da directiva do DH.Galicia.

Cando e como xurdiu a idea de crear o club DH.Galicia?

O club DH.Galicia, que tamén se coñece como dhgTEAM, formouse no ano 2011 da man dun grupo de amigos que non chegabamos a 10 persoas . Antes de ter o club decidimos mercar unha furgoneta entre 7 amigos para poder ir ás carreiras e facer remontes, xa que daquela a modalidade que máis practicabamos era precisamente o DH, que é o descenso de montaña.

Canto socios son na actualidade?

Ata o día de hoxe fomos medrando en número de socios, e actualmente somos máis de 50. Dentro deses cincuenta hai xente en todo tipo de modalidades, tanto os que practican carretera, mtb para rutear, enduro ou descenso.

O DH é unha das modalidades máis extremas do ciclismo de montaña. Se tivera que definilo en dúas palabras, cales serían?

O DH definiríao como adrenalina e diversión. Pero gustaríame salientar tamén outra modalidade, non menos importante e das máis practicadas na actualidade: o enduro. A diferencia do DH son baixadas técnicas, normalmente en circuitos específicos con saltos, peraltes, trialeras etc con menos dificultade extrema, e o remonte faise na bicicleta, combinando a esixencia física coa técnica ao requerir subir para poder descender logo polos circuítos.

Nestas modalidades deportivas ‘xogan’ cos obstáculos naturais, pero tamén con outros habilitados para ese fin. Para iso levan a cabo unha parte do traballo no monte…

O traballo que facemos é todo grazas á man de obra voluntaria dos membros do club. Organizamos varias das famosas ‘sachoquedadas’ ao longo do ano, para encargarnos do cuidado e o mantemento dos circuitos, así como para reformalos ou engadir novidades. Respectamos moito os montes, considerámolos como nosos, no sentido de coidalos e poder disfrutar desta modalidade deportiva ao aire libre. Na actualidade temos acordos con 6 vertentes de montes veciñais distintas, e co obxectivo de ampliar a outras zonas. É importante poder chegar a un acordo cos comuneiros, nós a cambio facemos presenza no monte, limpamos os camiños e recollemos o lixo que tira a xente, que por desgraza a sociedade ten que mellorar moito neste aspecto. Tamén se nos teñen dado casos de haber avisos de lume e mesmo chegar a paliar o foco. Despois de varias reunións e acordos, podemos dicir que hai boa sintonía, e iso é moi importante para poder manter os nosos circuítos.

Ao principio o ciclismo de montaña era un deporte onde predominaba a representación masculina, cal é a situación no seu club, anímanse as mulleres?

Si, de feito hai representación feminina tamén en modalidades como o enduro, e por suposto encántanos que todos, homes e mulleres, fagamos o mesmo.

E, en canto aos máis novos… hai canteira para asegurar o futuro deste deporte na comarca?

Si, de feito xa temos federados a nenos e nenas de varias idades. A verdade é que o deporte base está medrando no pobo. Nós damos facilidades para poder federarse, e Sarria dispón de instalacións como o ‘pump track’ e ‘dirt’, no que aprenden a coller moita técnica. Despois, as fins de semana soben ao monte coa súa mochila coa idea dalgún día poder facer os circuitos, aínda que xa os hai tamén máis atrevidos e que lles gusta saltar. Non hai que esquecer tampouco aos nenos e nenas que saen cos seus pais en bici e xa fan rutas btt como os maiores. Temos moitos proxectos para eles, son o futuro, e que mellor que condicionalos ao deporte. Hai eventos que os organizamos especificamente para eles, como o minidhurbano, dentro do Descenso Urbano de Sarria, ou a gincana no Día da bicicleta.

Precisamente o DH Urbano de Sarria é, din os profesionais, o mellor de España. Que é o que o fai tan especial?

O certo é que o DH Urbano é un dos eventos máis esperados no pobo. Eu diría que destaca pola amplia variedade de megaestruturas de madeira, con máis de 20 saltos e case un cento de módulos de madeira, que fan que os corredores de tódalas rexións sexan os protagonistas, facendo espectáculo e sentíndose como se estiveran nun parque de atraccións. Todas as estruturas están moi planificadas e adaptadas aos sitios. Preparamos zonas para saltar desde un tellado, saltar un camión, un coche de rally, saltar desde unha ponte, etc. Ademais a meirande parte do circuito  transcorre polo Camiño de Santiago, así que os peregrinos forman tamén parte do público e quédanse abraidos ao ver este evento.

Contamos cunha megapantalla e 12 cámaras retransmitindo todo o circuíto. Así, o público pode disfrutar ao completo do seguemento da carreira e o corredor séntese como se estivera nunha carreira do mundial de DH. Estamos moi orgullosos de ter recibido o Premio ao mellor evento deportivo no ano 2017, un recoñecemento que nos fixo a Federación de ciclismo. Tamén nos enorgullece que o DH Urbano de Sarria sexa considerado como o mellor urbano de España e dos mellores de Europa, así como que haxa publicacións sobre este evento nas mellores páxinas profesionais a nivel internacional do mundo da bici, é o caso dalgunha dos Estados Unidos e doutros  países.

Preparar o DH Urbano ten que ser moito traballo e requirir a implicación de moita xente…

Require moito esforzo e traballo, tanto nas semanas antes como neses propios días das probas, con máis de 60 persoas na organización: comisarios de carreira , remontadores, persoal de mantemento, seguridade , asistencia médica e demais. Estamos moi agradecidos da axuda desinteresada de toda a xente que nos bota unha man, sen todos eles non sería posible este evento.

Desde o club DH.Galicia chegaron a organizar ata 7 eventos nun ano, e sempre cunha resposta excelente de deportistas e público. Como o fan e onde está a clave do éxito? 

A clave é traballar en equipo e con moita ilusión en todo o que se queira facer. Sempre destacamos por organizar e traballar ao máximo para que os participantes queden satisfeitos.

Falabamos antes do Día da bicicleta, unha xornada que viñan organizando de xeito anual ata que se iniciou a pandemia da covid. En que consiste e cal é o obxectivo?

O Día da bici chegamos a ter medio milleiro de participantes. Esa xornada os protagonistas son as familias coas súas bicicletas, facendo un percorrido por todo o pobo. Ademais téñense feito minirutas para os nenos e nenas, e fanse gincanas nas que os máis pequenos se senten grandes competidores. O obxectivo é fomentar o uso da bici e facer un día especial no pobo, no que poidan participar persoas de tódalas idades.

Hai afección ao ciclismo na comarca de Sarria?

Cada vez aumenta  máis o número de usuarios da bicicleta, dá gusto ver grupiños que saen con frecuencia en tódalas modalidades. É a mellor excusa para xuntarse cos amigos e facer deporte. Cada vez somos máis, e hai que dicir que o club acolle de boa gana a todo o mundo que queira ser socio, anímoos porque contáxiase bo rollo e hai moi bo ambiente.

O club é un verdadeiro axente dinamizador, tanto a nivel social como económico. Contan con apoio económico?

Temos que dar as grazas ás administracións e aos patrocinadores, porque grazas a que confiaron en nós puidemos facer cousas que sen o seu apoio non se poderían levar a cabo con tanto éxito.

Como lles está a afectar no club a actual situación sanitaria? 

Pois como todo o mundo temos que agardar con paciencia, e sabemos que cando poidamos voltaremos con máis forza aínda. Tivemos que cancelar todos os nosos eventos, e a actividade a nivel competición quedou paralizada. Ante esa ausencia de carreiras e de rutas organizadas, saímos por libre e mesmo aproveitamos para dedicar tempo a traballar no monte.

Teñen prevista algunha actividade para os vindeiros meses?

Temos calendado o Descenso Urbano e o minidhu para o vindeiro 1 agosto, pero non podemos asegurar nada nesta situación. Son tempos de pensar en saír disto ben. A verdade é que se están cancelando este ano outros eventos máis próximos. Sabemos que é probable que o noso non se poida facer, pero se é necesario aprazarémolo e de seguro que voltaremos con máis forza.

GALERÍA DE FOTOS