Skip to main content
O Incio

O Incio busca posicionarse como destino de natureza de referencia

Por 19 Febreiro, 2021Febreiro 21st, 2021Sin comentarios

O Concello do Incio ten abertas varias liñas de traballo cun mesmo obxectivo: posicionar ao municipio como un destino turístico de natureza de referencia. As restricións pola actual situación sanitaria están a retrasar a planificación dos proxectos pero o alcalde, Héctor Corujo, é optimista. “Temos esbozadas varias liñas de traballo e agardamos que se poidan concretar e formalizar canto antes, en canto a situación sanitaria o permita”, recoñece.

Para o rexedor municipal, O Incio é unha “zona idónea” e “cun grande potencial” para o turismo pola súa “grande riqueza paisaxística e cultural”. Por iso, iniciou xa os contactos coa empresa de guías turísticas Máis que Románico, que se encarga de propoñer e deseñar roteiros por toda a comunidade galega.

Paisaxe do Incio

“Esta colaboración suporía ampliar territorios e sería, sen dúbida, unha axuda para animar á xente a vir ao Incio, con esa organización de rutas guiadas nas que se dea a coñecer a paisaxe e os monumentos que temos no municipio”. O Incio ten xa varios roteiros de sendeirismo acondicionados e promocionados. É o caso da ruta do Ferro ou da ruta dos Mamuts e dos Castros, esta última cun percorrido de seis quilómetros de lonxitude e homologada pola Federación Galega de Montañismo.

MOTOTURISMO

Na mesma liña de incentivar as visitas ao municipio para favorecer con elo o desenvolvemento local, o alcalde do Incio recibiu fai uns días a membros da directiva do motoclube Lóstregos Lucus, que están a estudar a posibilidade de organizar rutas de mototurismo de aventura no municipio. “Na actual situación é moi difícil concretar datos sobre datas ou número de participantes. Pero a nosa idea sería facer alomenos unha actividade grande este ano na zona do Incio e do Courel. Serían un ou dous días, con entre 100 e 200 participantes de mototurismo de aventura, cando a situación o permita e mantendo as recomendacións sanitarias”, explican desde o motoclube lucense.

Membros do motoclube Lóstregos Lucus no Incio

O Incio ofrece unha orografía atractiva para os afeccionados ás rutas en moto. “É unha zona idónea, que conta ademais cunha grande riqueza paisaxística e cultural, e está preto de localidades importantes”, di Corujo.

Haberá que agardar para ver se estas colaboracións se materializan. O que si semella estar claro é que o turismo vai experimentar un xiro despois da pandemia. Un xiro que apunta precisamente cara a destinos con máis natureza e menos aglomeracións. “Somos conscientes dese cambio e cremos que aí temos un potencial enorme”, recoñece o alcalde.

Para atraer a ese ‘novo turismo’, o Concello está habilitando -como parte das obras de mellora da contorna do edificio multiusos da localidade- unha área para o estacionamento de autocaravanas, cos seus correspondentes servizos de saneamento e abastecemento, e fai “un esforzo enorme” para limpar antigos camiños que se aventuran como novos roteiros de sendeirismo.