Skip to main content
Láncara

Láncara prepara unha liña de axudas para o comercio local

Por 8 Febreiro, 2021Febreiro 13th, 2021Sin comentarios

O Concello de Láncara traballa nun paquete de axudas para prestar respaldo económico aos autónomos e comerciantes da vila. Adiantouno este luns o alcalde do municipio, Darío Piñeiro, quen lamentou que “estamos diante dunha situación moi delicada, os nosos comercios, os nosos autónomos, e as nosas empresas locais están facendo fronte a moitos gastos, pero con poucos ingresos por mor da pandemia”.

Conscientes desa realidade, dixo, desde o Concello están a traballar nunha serie de medidas “para paliar, na medida do posible, a situación de crise económica pola que atravesa o pequeno comercio da nosa vila”. As axudas, que se están elaborando en consenso cos sectores afectados, “irán encamiñadas a reactivar o comercio local, os autónomos, as empresas e as familias de Láncara”.

Darío Piñeiro remarcou que “o Concello segue a disposición de todos as veciñas e veciños para axudar, dentro das nosas posibilidades, a saír adiante nesta situación tan excepcional que estamos vivindo” por mor do coronavirus. “Seguimos traballando para que ninguén quede atrás nesta situación, e o Concello de Láncara ten as portas abertas para todos os colectivos e entidades sen excepción, que precisen da nosa axuda”, concluíu.

FEIRA DA TENREIRA

Noutra orde de cousas, o rexedor de Láncara referiuse tamén á Feira da Tenreira Galega, declarada de interese turístico de Galicia e que se celebra cada 1 de maio. Este ano, pola situación sanitaria, o Concello está xa a redefinir celebración. “Este ano non poderemos desfrutar da feira tal e como a tiñamos concibida, pero dende o Concello estamos elaborando unha serie de propostas alternativas para que a Feira segue sendo a protagonista da nosa historia. Celebraremos a feira, doutro xeito, e cumprindo estritamente as normas sanitarias”, asegurou o Darío Piñeiro.