Skip to main content
Sarria

Sarria festexa o Entroido cun concurso fotográfico

Por 8 Febreiro, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A celebración do Entroido estase trasladando este ano ás redes de boa parte dos concellos da provincia, na súa aposta por manter vivo o espírito destas datas sen correr riscos e adaptándose ás medidas de seguridade fronte á covid-19. Nesa liña, o Concello de Sarria vén de convocar o seu Concurso de fotografías de Entroido 2021.

No certame poderán participar todas as persoas que así o desexen, sempre que residan no municipio. Os menores de 16 anos, farano con autorización. Os participantes teñen que enviar unha fotografía á dirección omix@sarria.es, entre os días 14 e 19 de febreiro. A única condición é que as persoas das fotografías estén disfrazadas, tanto se é de xeito individual como en familia. As bases e o formulario de inscrición están dispoñibles desde hoxe mesmo na páxina web www.sarria.es.

Os gañadores decidiranse nun sorteo entre todos os participantes e haberá un total de 25 premios, por importe de 100 euros cada un, para gastar en establecementos de Sarria.

As fotos que participen no concurso de Entroido publicaranse nas redes sociais do Concello.