Skip to main content
Sarria

O Concello de Sarria contrata a instalación da pasarela para reabrir Ponte Ribeira

Por 11 Febreiro, 2021Febreiro 13th, 2021Sin comentarios

A Ponte Ribeira

O Concello de Sarria vén de adxudicar os traballos para a instalación dunha pasarela metálica provisional na Ponte Ribeira, o que posibilitaría a reapertura da infraestrutura, que leva máis de seis anos pechada. Os traballos contan cun orzamento que rolda os 110.000 euros e teñen un prazo de execución de 75 días.

A nova pasarela, duns 6,5 metros de ancho, será de formigón armado sobre vigas metálicas, apoiadas sobre a estrutura da ponte. Disporá dun carril para a circulación dos vehículos e outro diferenciado para uso peonil.

A instalación desta infraestrutura será o primeiro paso de cara á reapertura de Ponte Ribeira, á que o goberno local quere devolverlle o “valor patrimonial”.  A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil traballa xa na elaboración dun estudo de viabilidade da rehabilitacion da ponte medieval sarriana.

ACONDICIONAMENTO

Noutra orde de cousas, a xunta de goberno local de Sarria adxudicou tamén este mércores os traballos para o acondicionamento da contorna da Ponte Ribeira, que suporán o desbroce e limpeza dos terreos anexos ao cauce do río e ao camiño peonil que une a rúa Peregrino co Chanto, así como a tala ou poda das árbores que precisen. Reporanse tamén as varandas e o mobiliario urbano da contorna que se atopen en mal estado e mellorarase a drenaxe coa apertura de cunetas e a instalación de caños para o paso da auga.