Skip to main content
Sarria

O arranxo da rúa Diego Pazos chega o martes ao Parlamento

Por 14 Febreiro, 2021Febreiro 15th, 2021Sin comentarios

O arranxo da rúa Diego Pazos de Sarria chega ao Parlamento. Será o vindeiro martes, 16 de febreiro, cando a Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia  debata a moción do PSdeG-PSOE na que reclaman á Xunta de Galicia  “que asuma a súa responsabilidade e arranxe de xeito urxente” esa rúa sarriana.

Así o avanzou a deputada autonómica socialista, Patricia Otero, que vén de visitar esta estrada, acompañada dos responsables do PSOE en Sarria, José Luis Noceda e José Manuel López Torre. Otero lembrou que este vial de titularidade autonómica, transcorre entre os cruces de A Avenida e A Ciguñeira, “e tal e como podemos comprobar atopase nun estado lamentable, o que provoca novamente as queixas veciñais dos seus usuarios e dos comerciantes da vila”.

Para Patricia Otero, o Goberno autonómico “ten que velar e protexer os intereses dos veciños e veciñas, así como dos seus comerciantes, máxime neste momento nos que estes últimos o están a pasar francamente mal pola pandemia da covid-19 e a conseguinte crise económica que está a xerar”.

A deputada denuncia que o PP “ten abandonado esta estrada autonómica, xa que non executa o seu acondicionamento, pero o que é máis grave, tampouco concede o permiso correspondente ao Concello para arranxalo”. Puntualiza ademais “que os traballos de mellora propostos polo Concello de Sarria xa foron rexeitados en varias ocasións por parte do Goberno de Feijóo”.