Skip to main content
Cultura SARRIAXADeportes SARRIAXASarria

Entrevista: “Saímos menos nos medios que outros deportes, e iso fai que sigamos á sombra en moitos aspectos”

Por 23 Febreiro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

As adestradoras do Club Xirandela

A ximnasia rítmica é unha das disciplinas máis esixentes no eido deportivo. Na súa orixe só contemplaba a categoría feminina, fomentando a participación de mulleres no deporte. Co paso do tempo, rompéronse estereotipos e instauráronse as categorías masculina e mixta. Hai máis de 20 anos, no 1999, Mónica Fernández funda en Sarria o Club Xirandela para que “as nenas do concello puideran gozar da ximnasia rítmica”, xa que por aquel momento era un deporte feminino, no que non se contemplaba a competición masculina.

Falamos con Mónica Fernández, a adestradora do club sarriano, da situación actual da ximnasia rítmica e do traballo desta entidade deportiva.

Cantas nenas e grupos tedes actualmente? Que idades comprenden?

Na actualidade contamos con 96 ximnastas, repartidos en 17 equipos de diferentes categorías: iniciación, baby, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, senior e máster. As súas idades van dende os 3 anos ata os 24 anos. . Neste momento no club contamos con dous nenos.

Cal é a procedencia das vosas deportistas?

Na maioría son nenas e nenos do concello de Sarria, aínda que tamén contamos con ximnastas doutros concellos próximos coma Láncara, O Páramo, Paradela, Samos, Monforte de Lemos e Lugo.

Cantas horas adestran as deportistas?

Dependendo dos niveis nos que estean adestran entre 2 e 3 horas á semana. Ditos horarios, ás veces vense ampliados, sobre todo na época de competicións.

Cantas adestradoras ten o club, e como definirías a vosa forma de traballar?

Actualmente somos nove adestradoras repartidas nos diversos niveis e categorías, xa que temos varios equipos na maioría das categorías. Tentamos dar unha ensinanza próxima e o máis individualizada posible, por iso adestramos por equipos de entre 4 e 8 ximnastas. A nosa metodoloxía principal baséase no traballo da técnica, tanto corporal coma dos aparellos, a expresión corporal, o ritmo e as capacidades físicas básicas, destacando a flexibilidade, que é a máis determinante nesta disciplina deportiva. Nos primeiros anos o traballo é moito máis lúdico xa que é principalmente traballo corporal,  para despois engadir a técnica dos aparellos.

Que obxectivos persegue o club?

O noso principal obxectivo é que os nosos ximnastas desfruten do noso deporte. Despois perseguimos obxectivos máis xerais, como a mellora das condicións físicas (coordinación, salto, equilibrio, flexibilidade), a mellora da expresión corporal e o ritmo e, ademais, o fomento do espírito de superación e a autoestima.

Como obxectivos máis específicos, traballar o aprendizaxe e mellora dos elementos propios desta modalidade (saltos, xiros, equilibrios ou ondas) e a mellora da técnica dos diversos aparellos (pelota, aro, corda, mazas e cinta).

Que peso ten a ximnasia rítmica no deporte feminino?

Dise que a ximnasia rítmica é o deporte feminino por excelencia, e aínda que na actualidade xa non é só feminino, os homes tamén teñen cabida, naceu sendo un deporte de mulleres.

Encontrádesvos con máis dificultades por ser un deporte tradicionalmente feminino?

Hoxe en día non. A valoración da muller en diversos ámbitos, coma por exemplo no deporte, fixo que se esté a recoñecer e a valorar moito.

E por non ser una disciplina tan recoñecida coma, por exemplo, o fútbol?

Hoxe en día non opino que a ximnasia rítmica sexa un deporte minoritario, de feito é un dos deportes que máis licencias federativas ten, pero o que si lle ocorre é que non ten a mesma repercusión nos medios que outros, aínda que melloramos moito, e iso fai que sigamos á sombra de moitos outros deportes en moitos aspectos.

Como está o panorama da ximnasia rítmica nos últimos anos a nivel galego?

Ano tras ano apréciase unha mellora no traballo de adestradoras e ximnastas galegos, quizais debido á mellora das infraestruturas e ao apoio recibido. Nos campionatos galegos obsérvase un moi alto nivel e nos campionatos nacionais somos unha comunidade máis acadando bos resultados e incluso, ás veces, podios.

Que apoios recibe o club?

A prestación das instalacións deportivas e axudas puntuais por parte do Concello, así como as subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte, axudan a que poidamos seguir transmitindo a nosa paixón por este deporte aos nosos ximnastas.

Como vos adaptastes e como cambiou a vosa realidade coa pandemia?

Adaptámonos porque non nos quedou outra opción, pero non é a maneira que máis nos gusta de traballar. É un deporte no que o contacto de adestradora-ximnasta é importantísimo á hora de corrixir a colocación corporal, de aprender manexos, etc. Isto agora non é posible, traballamos a distancia das nosas ximnastas, que están na súa propia esteira, co seu propio aparello e seguindo as nosas indicacións a 1,5 metros de distancia. A isto súmase o traballo coa máscara, sen exercicio intenso. Estamos a traballar individualmente, sen poder levar a cabo os nosos conxuntos.

Agardamos que isto vaia a mellor e poder recuperar a nosa rítmica, os nosos equipos e sobre todo, que é o que máis botamos en falta, dar esas apertas aos nosos ximnastas de apoio ou de parabéns polo seu traballo.