Skip to main content
Triacastela

Triacastela convértese no segundo concello galego con plan básico de ordenación

Por 17 Febreiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

Triacastela é xa o segundo concello galego de menos de 5.000 habitantes que conta cun Plan Básico de Ordenación Municipal, despois do do Páramo, que conta con esta ferramenta desde o pasado decembro.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación inicial do plan de Triacastela co que, destacou, o municipio avanza “un paso importante” para dotarse dun “novo e moderno” marco normativo en materia de urbanismo, co que protexer e conservar os valores e recursos que atesouran os seus máis de 50 quilómetros cadrados de extensión.

O documento delimita 28 núcleos rurais nun ámbito de solo urbano consolidado e recolle tamén a riqueza patrimonial do municipio. No caso de Triacastela, o inventario dos seus Bens de Interese Cultural están fortemente ligados ao itinerario francés do Camiño de Santiago aínda que tamén destaca o seu patrimonio etnográfico e cultural, como a Cova de Eirós.

CONCELLOS SEN PLANEAMENTO

Os plans básicos municipais están pensados para aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes que non dispoñen de planeamento xeral, como acontece con Triacastela. Esta ferramenta estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística, que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Ademais do Páramo e Triacastela, que contan xa cos seus plans básicos, outros tres concellos da provincia -Ribeira de Piquín, Riotorto e Trabada- avanzan na redacción dos seus documentos de ordenamento, que se prevén aprobar inicialmente no primeiro semestre deste ano.

Alfoz, Guntín e Samos están a impulsar tamén os primeiros traballos que implica un plan básico municipal, como é a cartografía, para poder contar así cunha ordenación territorial acorde á lexislación actual.