Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Xunta convoca as axudas para os participantes nos obradoiros de emprego

Por 4 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Xunta convoca esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de axudas para o desenvolvemento dos obradoiros de emprego para a edición 2021-2022. Xa está publicado o programa dirixido aos menores de 30 anos, polo que o prazo de solicitude para acceder a estes apoios estará aberto ata o 2 de marzo.

Doutra banda, o DOG tamén publicou os apoios para os obradoiros duais, para os que tamén está aberto o prazo de solicitude. En global, entre as dúas iniciativas, a Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas.

Con respecto á convocatoria do programa de emprego para persoas mozas menores de 30 anos, a Consellería de Emprego e Igualdade investirá máis de sete millóns de euros para a posta en marcha de 19 obradoiros que beneficien a preto de 300 mozos e mozas de 18 anos o máis inscritas e en situación de beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.

Os proxectos poderán ser promovidos por concellos, mancomunidades de concellos e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades. Estes programas tamén inclúen a posibilidade de que os alumnos e alumnos, ao remate dos obradoiros, poidan optar a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante un mínimo de seis meses a xornada completa para ocupacións nas materias impartidas na fase de formación.

Programas duais

As axudas destinadas ao desenvolvemento dos obradoiros duais son apoios que contan cun investimento de máis de 23,1 millóns de euros e dos que se poderán beneficiar os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas aos mesmos, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. A Administración autonómica estima poder incrementar as oportunidades laborais de 1.200 galegos e galegas que se atopen en situación de desemprego coa realización destes 62 obradoiros duais.

Os beneficiarios, ademais de optar a unha formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 9 meses de duración, ao tempo que desenvolverán servizos de interese xeral e social á comunidade. Ademais, ao remate dos obradoiros, os alumnos e alumnas recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, ao tempo que poderán optar a un traballo posterior en empresas da contorna onde tivo lugar o obradoiro por un período mínimo de tres meses. A Xunta, para iso, concederá incentivos á contratación.

A Consellería de Emprego e Igualdade primará os obradoiros vinculados á formación forestal; á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago; os que teñan por obxecto actuacións enmarcadas en proxectos de aldeas modelo, dirixidas á recuperación e rehabilitación arquitectónica e urbanística; e os promovidos por concellos que teñan todo o parte do seu termo municipal incluído en áreas declaradas Reservas da Biosfera.

Con respecto aos participantes nos obradoiros, priorizaranse ás persoas demandantes de emprego que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as mulleres vítimas de violencia de xénero; aqueles que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que non teñan titulación universitaria ou de FP de grao superior; e as persoas con discapacidade.

En definitiva, os obradoiros duais e os dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral. O obxectivo é, en consonancia coa Axenda de Emprego, incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas para minimizar os efectos da crise sanitaria.