Skip to main content
Begonte

Comezan obras no Ceip de Begonte e confírmase a fusión dos colexios

Por 24 Febreiro, 2021Febreiro 27th, 2021Sin comentarios

Imaxes das obras que se están a realizar

O Concello de Begonte vén de recabar o apoio da Xunta de Galicia co Ceip de Begonte Virxe do Corpiño a través dun investimento de 600.000 euros para a mellora das instalacións educativas deste centro, que estarían vinculadas á eficiencia enerxética.

O goberno begontino amosa a súa satisfacción “por esta importante inxección económica” que lle trasladou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ao alcalde, José Ulla Rocha, no decurso dunha xuntanza que tivo lugar en Santiago.

Este investimento vai na liña do proxecto do Concello de mellorar e ampliar a oferta educativa, centralizando os recursos educativos no Ceip de Begonte ao tempo que se dotan dun conservatorio de música en Baamonde, vencellado ao proxecto Músico Crisanto e ocupando as instalacións do actual centro escolar de Baamonde.

Actualmente no colexio de Begonte estudan 70 escolares fronte á trintena que acolle o de Baamonde.

“Deste xeito, amplíase a oferta educativa ao tempo que se garanten todos os servizos xa que todos os alumnos que actualmente acoden ao colexio de Baamonde –tanto os de fóra do Concello (parroquias de Soexo e Pígara) como os begontinos (Baamonde e Pacios)-, seguirán a ter no colexio de Begonte os mesmos servizos de comedor e transporte escolar que na actualidade”, recalcou Ulla.

Entenden dende o Concello que coa realización deste proxecto, “no canto de ter dous colexios con débil matrícula, Begonte terá un colexio fortalecido, que pola calidade do seu ensino atraerá matriculación doutras zonas, e un conservatorio de música para uns 200 futuros músicos, unha localidade que centralizará as demandas dunha gran parte da comarca”.

Desde a Alcaldía de Begonte invítase a todos os posibles interesados, “mesmo de fóra do concello, a que teñan en conta estas circunstancias no próximo período de matriculación, para poder beneficiarse da mellora que a educación vai experimentar neste concello”.

OBRAS

Precismante estes días deron comezo no colexio de Begonte varias obras de mellora cos que se permitirá a acondicionar a zona de entrada ao centro así como a zona dos alumnos de 5º e 6º de Infantil. Estas obras, valoradas en 20.000 euros, están ao cargo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Ademais o Concello instalará no chan da citada aula de infantil tarima de madeira donada pola empresa Finsa para tal fin.

Por unha banda desenvolveranse os traballos de mellora da seguridade no acceso ao edificio do colexio, de modo que realizando o recrecido da xardineira existente no pórtico de acceso, elimínase o posible risco de caída en altura existente actualmente desde o soportal de entrada. Do mesmo xeito, instalarase nun dos laterais da escaleira de acceso e ancorado a fachada, un dobre pasamanos, que permita que tanto os alumnos de infantil como os alumnos de primaria, poidan asirse ao mesmo e facilítelles e déalles unha maior seguridade á hora do acceso pola mesma.

Doutra banda desenvolveranse os traballos destinados á dotación dun aseo á aula de 5º e 6º de educación infantil, que permita un mellor coidado dos nenos e unha maior vixilancia, permitindo non ter que saír da aula cun dos alumnos e poder vixiar ao resto de forma simultánea; para iso abrirase un oco entre aseo e aula, ao que se dotará cunha porta corredeira; do mesmo xeito dotarase o aseo de elementos sanitarios baby específicos para o uso por alumnos de curtas idades. Tamén se realizará o acondicionamento interior da aula, eliminando un antigo mesado en desuso e colocando no seu lugar un amplo moble para o gardado de xoguetes e equipamento necesario para a aula. A maiores equiparase o mesmo cun lavabo que permita o aseo de mans dentro da propia aula.