Skip to main content
Begonte

O director de Begonte defende o proxecto de fusión dos centros

Por 27 Febreiro, 2021Sin comentarios

Unha das concentracións realizadas días despois de facerse público o proxecto de fusión

A polémica polo posible peche do colexio de Baamonde continúa. Mentres o Concello afirma que a fusión é un feito e que conta co respaldo do conselleiro de Educación, o colectivo formado contra este peche aseguran que nada de iso é certo e que si se abrirá o luns o prazo de matrícula para este centro.

Este colectivo lembra que as obras que anuncian son as mesmas que se realizan noutros centros galegos para mellorar a eficiencia enerxética e que nada ten que ver coa fusión.

Anpas Galegas, o novo colectivo onde está integrada a do centro de Baamonde, consideran este peche do colexio unha decisión “pensada só dende un punto de vista individualista e caciquil e que condena a unha zona rural á súa desaparición”.

Pola contra, non faltan voces a favor desta medida. Así, o director do Ceip Virxe do Corpiño de Begonte, Eliseo Real Franco asegura que para o centro, o plan de impulsión da educación do Concello de Begonte “supón unha mellora moi importante”.

Valora por unha banda o nivel infraestrutural, xa que, “cunha inversión de 600.000 euros, as instalacións darán un salto cualitativo notorio. Contaremos cun centro moito máis moderno, mellor dotado e moito máis eficiente a nivel enerxético, o cal aumentará o confort do alumnado e dos profesionais, ademais de reducir os nosos gastos en gasóleo para calefacción nun 50% aproximadamente”.

“Doutra banda, o feito de contar cun centro cunha matrícula dun centenar de alumnos implicaría unha mellora moi importante a nivel pedagóxico, mellorando, en consonancia, a calidade educativa que recibirán os nenos/as. Aumentará o número de profesorado, desdobraranse os cursos (actualmente hai varios unidos de dous en dous e incluso unha aula de primaria con tres cursos distintos) obtendo como resultado aulas de entre 10 e 15 nenos/as dun mesmo nivel educativo, o cal supón unha ratio óptima para a atención individualizada do alumnado en xeral, e especialmente de aqueles/as que presentan necesidades específicas de apoio educativo, en particular”, engade.

Afirman que ese aumento de alumnado traerá consigo tamén un aumento dos ingresos correntes do centro, tanto a nivel de funcionamento como para o comedor escolar, “o que implica unha maior capacidade para que o centro poida elevar por si mesmo a dotación e a calidade destes servizos”.

“Ademais, é unha boa oportunidade para aumentar a socialización e a diversidade sociocultural do centro, de recibir e acoller a novas familias do concello, o que favorecerá que xurdan máis e mellores proxectos educativos, creando así unha comunidade educativa máis forte e cohesionada”, conclúe.