Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Xunta declara en Castro a primeira Área de Rehabilitación Integral

Por 12 Febreiro, 2021Febreiro 13th, 2021Sin comentarios

Parte do conxunto histórico do núcleo rural de Castro de Rei

O Consello da Xunta aprobou a declaración da primeira Área de Rehabilitación Integral de Castro de Rei.

Esta ARI abrangue o ámbito do conxunto histórico, o solo urbano contiguo, o solo de núcleo rural da parte adxacente do núcleo rural de Portomuiño ao Norte, o solo de núcleo rural de Samesugueiras ao Sur, así como o solo urbano inmediato polo sueste ata o cruzamento coa estrada a Prevesos; polo que suma unha extensión de máis de 13 hectáreas.

A declaración desta área está xustificada polo feito de que esta delimitación forma un conxunto con similares características tipolóxicas, socioeconómicas e de unidade vinculada co conxunto histórico artístico.

Así, o ámbito de rehabilitación comprende as rúas e lugares Poeta Aquilino Iglesias Alvariño, Camiño de Circunvalación, Praza da Igrexa, Poeta Crecente Vega, Rúa Amigos da Feira, Francisco de Fientosa, Camiño Azúmara, Alcalde Emilio Sinde Nieto, Praza Maior, Manuel Becerra y Bermúdez, Camiño de Samesugueiras e  Portomuiño.

Comprende 88 inmobles, onde se localizan 76 vivendas en 67 edificacións de carácter residencial, das que 55 son susceptibles dalgún tipo de rehabilitación ou renovación. Ademais, existen 21 inmobles doutra tipoloxía.

Deste xeito, neste ámbito pódense levar a cabo actuacións de reconstrución, para aquelas edificacións en estado de ruína, na actualidade, e que precisan de labores de reconstrución conservando aqueles elementos susceptibles de aproveitamento; de rehabilitación integral, aquelas vivendas con patoloxías de tal gravidade que aconsellan recuperar só a envolvente e aqueles elementos de tipoloxía merecedores da súa conservación, e dotar a edificación da habitabilidade precisa adaptándose á normativa e ás técnicas actuais; e por último, de renovación, é o grupo de actuación máis numeroso, e prevé actuacións sobre aquelas edificacións que presentan patoloxías concretas dunha entidade relativamente escasa ou ben que presenten materias considerados como desacordes co contorno. Nese sentido, recoméndanse as seguintes renovacións: carpintarías exteriores, fachadas, material de cubrición ou doutro tipo como demolicións parciais, substitucións etc.

Cómpre lembrar que coa declaración dunha ARI, as persoas que sexan propietarios dun inmoble, e que desexen rehabilitar, poden acceder a incentivos e axudas de ata 24.000 euros por vivenda.

Así mesmo, o Concello tamén poderá recibir axudas para actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI. Esta axuda está condicionada á rehabilitación de vivendas e ten un importe de ata 2.000 euros por cada vivenda que fose rehabilitada; así como para o financiamento da oficina municipal de rehabilitación.