Skip to main content
Cospeito

O PSOE acusa ao Concello de sementar confusión entre os feirantes de Muimenta

Por 5 Febreiro, 2021Sin comentarios

O PSOE de Cospeito fíxose eco das queixas dalgúns dos feirantes habituais do mercado dos xoves de Muimenta, que recibiron indicacións contradictorias da celebración do mesmo na xornada de onte.

Segundo explica a voceira socialista, Rosa Morán, o mercado de Muimenta celébrase o primeiro xoves de cada mes e debido ás últimas restricións de mobilidade da Xunta de Galicia, descoñecíase se esta podía celebrarse. Finalmente tivo lugar e algúns dos feirantes e veciños, que preguntaron no Concello e recibiron unha reposta negativa, manifestaron o seu malestar.

“Non critamos que esta se celebre ou deixe de celebrarse, nos tempos nos que estamos tan cambiantes apoiamos ao Concello na decisión que tome pero o que non é de recibo é que a uns se lles diga unha cousa e a outros outra. Se cambian de opinion, porque todo pode pasar, que volvan avisar á xente”, explica.

O Concello de Cospeito, de acordo cos voceiros, acordou a suspensión do Pleno de xaneiro pola situación sanitaria. “Parécenos máis importante que a saúde sexa o primeiro”, engadiu Morán.

AXUDAS MUNICIPAIS

Por outra banda, a concelleira socialista indicou que esperan que “xa que a Xunta pediu a colaboración dos concellos para axudar de algún xeito a todos os afectados pola pandemia, o Concello de Cospeito tome xa medidas dunha vez por todas ao igual que o resto de concellos da contorna”, engadiu.

Morán explicou que o Concello de Cospeito nunca aportou nada, “ni rebaixas de taxas, ni axudas de ningún tipo e agora que Feijóo o di igual decídese a facelo”.

Os socialistas volverán preguntar por esta cuestión no seguinte Pleno que se celebre no Concello onde esperan que se presenten os orzamentos.