Skip to main content
Cospeito

Sae a licitación a ampliación do parque empresarial de Muimenta

Por 27 Febreiro, 2021Marzo 2nd, 2021Sin comentarios

Unha imaxe do parque empesarial de Muimenta

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sacou a licitación as obras de ampliación do polígono empresarial de Muimenta, no concello lucense de Cospeito. O contrato sae por un importe de 1.332.400,55 euros, máis IVE, e o prazo establecido para a execución dos traballos é de oito meses, segundo consta nos pregos.

O Consello de Administración da empresa pública Xestur acordou na súa reunión da semana pasada aprobar a licitación destas obras, que inclúen concretamente a separata do proxecto de urbanización, electrificación, alumeado público e rega da ampliación do parque de Muimenta fase A-1.

O contrato, licitado mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria, permitirá desenvolver a primeira das tres fases nas que se dividirá a ampliación do devandito polígono co obxectivo de sumar un total de 145.269 metros cadrados máis a esta área empresarial e 56 novas parcelas.

A chamada Fase A-1 licitada hoxe terá un total de 25.121 metros cadrados dos cales 12,979 metros cadrados se reservarán a usos industrial e comercial. As parcelas previstas neste ámbito son un total de 15, cun tamaño de entre 700 e 1.525 metros cadrados.

Cómpre lembrar que o parque empresarial de Muimenta, en funcionamento desde o ano 1999, foi promovido por Xestur. Ten unha superficie bruta de 37.000 metros cadrados, dos que 27.458 son de uso industrial. Esta superficie repártese en 22 parcelas (todas elas vendidas, de aí a necesidade da ampliación) que van dos 480 aos 2.709 metros cadrados.