Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Reportaxe: Un equipo ao lado de quen máis o necesita

Por 16 Febreiro, 2021Febreiro 18th, 2021Sin comentarios

O Concello de Friol atendeu a máis de 1.000 persoas dende o departamento de Servizos Sociais

O Concello de Friol segue apostando polos cuidados  como ferramenta fundamental para o crecemento e a prosperidade da sociedade do seu Municipio.  Durante o 2020, dende os Servizos Sociais foron atendidas máis de mil persoas, trala realización de aproximadamente 200 tramitacións.

Dentro das liñas de actuación dos Servizos Sociais destaca, por un lado, a Axuda no Fogar, que este derradeiro ano multiplicou os seus esforzos. A través deste servizo, durante o 2020 foron atendidas un total de 150 familias con 30.900 horas recibidas nos domicilios das persoas usuarias. Estes datos reflicten o aumento do traballo con respecto ao ano anterior, xa que atendéronse a 24 familias máis e fixéronse 900 horas a maiores que no 2019 e case 4.000 horas máis que no 2018. Este servizo, prestado polo Concello de Friol a través de unha empresa externa, conta con máis de trinta auxiliares, todas elas mulleres.

O Alcalde, José Ángel Santos, indica que o Concello está e estará ó carón daqueles veciños do municipio máis vulnerables; neste caso, cos persoas dependentes, de aí o gran esforzo que supón para o Concello que cada ano se consiga incrementar as horas de atención de dito servizo, un servizo prioritario para o Equipo de Goberno coa única finalidade de que os nosos maiores teñan unha calidade de vida digna, como merecen todos eles.

Outro servizo do que poden desfrutar os veciños e veciñas de Friol é o Punto de Atención á Infancia, o cal ten capacidade para 20 nenos e nenas, cubertas as prazas na súa totalidade no pasado curso 2019-2020.

ATENCIÓN TEMPERÁ

Como novidade respecto a anteriores anos, destaca que dende o mes de setembro desenvólvese un servizo de Atención Temperá, financiado pola Consellería de Política Social e promovido polos Concellos de Friol, Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei. Esta unidade está formada por catro traballadoras, Laura Campos como logopeda, Olalla Pensando –enfermeira–, Iria Hidalgo –terapeuta ocupacional– e Julia Rivas –psicóloga–. No servizo atendese de xeito gratuíto a nenos e nenas de 0 a 6 anos que presenten algún tipo de trastorno da fala, psicomotricidade, psicolóxico, etc.. Na actualidade están a traballar con 33 nenos e nenas que veñen derivados de colexios, servizos de pediatría, traballadores sociais ou por iniciativa propia das familias. Laura Campos explica o seu método de actuación: “Primeiro facemos unha entrevista ao neno ou nena, e valoramos as necesidades ou o risco que teñen de padecer algunha dificultade. Decidimos o traballo que precisa, se psicolóxico, de logopedia, ou todo, e, dende aí, establecemos os obxectivos e coordinámonos co colexio ou cos traballadores sociais para estar en sincronía”. Esta unidade está situada na segunda planta do Centro Sociocultural do Concello de Friol, e conta “cunhas amplas instalacións adaptadas a persoas con mobilidade reducida e moito material terapéutico para os pequenos e pequenas,  coma randeeiras, piscinas de bolas. etc.”. Para garantir a seguridade de todas as persoas no momento sanitario actual séguense as medidas hixiénicas pertinentes: “mantense o uso de máscara, ventílanse as salas, tómase a temperatura e desinféctanse as mans aos nenos e nenas antes de cada sesión e desinféctanse os materiais entre sesións”, explica Laura.

O alcalde insiste en que “todos estes servizos son de gran importancia para as familias de Friol, xa que supoñen unha considerable mellora na calidade de vida dos habitantes do municipio, e facilitan a súa conciliación familiar e laboral, polo que dende o Equipo de Goberno seguiremos traballando para que estes servizos se manteñan e incluso melloren cada día”.