Skip to main content
Muras

Muras distribúe o Fondo de Compensación en oito proxectos

Por 21 Febreiro, 2021Febreiro 23rd, 2021Sin comentarios

O Pleno extraordinario do Concello de Muras aprobou malia os votos en contra do Partido Popular o reparto dos cartos que lle corresponden do Fondo de Compensación Ambiental 2021. Trátase dun total de 504.766,03 euros, que se destinará a un total de oito proxectos e á contratación de persoal.

A maior partida, de 113.615,90 euros, irá para a construción dunha rede de colectores de saneamento para separar as augas fecais das pluviais no núcleo da Igrexa e instalar unha nova Edar.

Ademais, á mellora da eficiencia enerxética na casa do concello destínanse 90.333,37 euros, mentres que para a renovación da iluminación pública, con led, no paseo da Veiga irán 7.415,50 euros.

O goberno murés investirá tamén 65.113,90 euros en substituír o sistema de calefacción do colexio, onde se instalará unha caldeira de biomasa, e 36.183,84 en habilitar dous puntos de recarga de vehículos eléctricos. Ademais, ampliaranse, con 87.205,24 euros, as redes de abastecemento da Xestosa e O Viveiró e mellorarase a traída municipal.

Continuarán os investimentos coa posta en valor de zonas verdes, ás que se destinarán 53.287,30 euros, e a protección do medio ambiente, con outros 26.505,24. Neste último proxecto inclúese a compra de contedores ou dun apiario con fins educativos e divulgativos, así como o encargo dun estudo sobre a pegada de carbono no municipio.

Ademais, con estes cartos o Concello continuará a manter cinco postos de traballo, orientados a tarefas de limpeza e desbroce de camiños. Trátase de dous peóns forestais e dous operarios, ademais dun técnico de medio ambiente.