Skip to main content
As Pontes

O Congreso aproba unha iniciativa para garantir o traballo nas Pontes

Por 18 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Congreso dos Deputados aprobou unha iniciativa do BNG en defensa dos postos de traballo das empresas, directa e auxiliares, de Enel-Endesa nas Pontes. A demanda abrangue tamén garantir o desenvolvemento de novos proxectos industriais para a comarcal de Ferrolterra enmarcados no proceso de transición xusta a través dun calendario de accións a realizar e con financiación definida.

Neste sentido, a iniciativa finalmente aprobada instao ao Goberno do Estado, en coordinación coa Xunta de Galiza, a condicionar o proceso de fechamento a que se chegue a un acordo coa representación das e os traballadores que garanta a continuidade do emprego e proxectos concretos de futuro. Tamén piden condicionar a participación de Endesa na poxa de evacuacións e novas autorizacións, concesións e adxudicacións de  MW á consecución dun acordo que garanta o emprego dos traballadores da empresa principal e as auxiliares. A asignación de novas instalacións de produción de enerxías renovables nas Pontes e en toda a comarca conterá, necesariamente, un proxecto de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa execución.

Tamén piden posibilitar que a concesión de acceso aos  nodos de rede afectados polos peches das térmicas en Galiza sirvan para incentivar a implantación de proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e blindar o emprego nestas zonas onde se poxa a capacidade de acceso á rede de transporte.

Entre as outras accións aprobadas está garantir a implementación de novos proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans  Futur-E de Endesa; cumprir tanto os obxectivos como as diferentes medidas acordadas no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas de carbón e centrais en peche, e mesmo ofrecer unha solución de continuidade industrial á central das Pontes, de maneira que se garanta o mantemento dos postos de  traballo non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos transportistas.

Finalmente urxen a convocatoria da Mesa de Traballo para  a Transición Enerxética Xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de ENDESA co obxecto de concretar o número de traballadores/ as afectados/ as e a súa garantía de emprego.

Demandan tamén a implicación e colaboración do Goberno español e da Xunta de Galicia para apoiar conxuntamente os proxectos industriais e de reindustrialización necesarios a implantar nas Pontes para optar aos Fondos da UE  Next Xeración.

Finalmente, o Congreso acorda vanzar no Convenio de Transición Xusta para As Pontes para poder completalo canto antes cun cronograma definido de financiamento e accións a realizar.