Skip to main content
Vilalba

Vilalba renova os accesos a Outeiro e á igrexa de Belesar

Por 12 Febreiro, 2021Sin comentarios

Zonas onde se traballará na remodelación do pavimento

O Concello de Vilalba anuncia os traballos de renovación do firme e acondicionamento do vial que da acceso ó núcleo de Outeiro e á igrexa de Belesar, na parroquia de San Martiño de Belesar.

Concretamente, os traballlos realizaranse na vía de titularidade municipal que comenza na estrada provincial LU-P-6511, no núcleo de Aldea, e que discorre en dirección sureste pola parroquia de Belesar ata o núcleo de Outeiro, onde continúa ata a igrexa de Belesar na que finaliza a actuación prevista polo Concello.

Esta vía é o percorrido natural da veciñanza de varios núcleos de poboación desta parroquia cara ás principais vías de comunicación, como a estrada N-634 e a autovía A-8, así como á capital do concello.

Por outra banda, o vial é tamén unha vía de comunicación coa parroquia de Distriz e conta con varios puntos de alta poboación e tráfico, como o colexio, a igrexa ou o cemiterio parroquial de Belesar.

Sumado a este fluxo de tráfico, as importantes explotacións gandeiras e agrícolas da zona xunto cos vehículos destinados á explotación madeireira provocan que o vial soporte unha densidade de tráfico lixeiro e pesado moi intensa, obtendo como resultado un forte desgaste no pavimento actual. Polo tanto, o paso do tempo e o uso provocaron o deterioro desta vía, con zonas que sofren deformacións e puntos onde o pavimento despareceu.

Os traballos contan cun orzamento de 68.970 euros e o seu prazo de execución será dun mes. Esta intervención enmárcase no Plan Único da Deputación de Lugo.

Para a mellora e mantemento desta vía, proponse a limpeza de noiros, regularizar a súa superficie e executar unha nova capa de aglomerado. Por último, procederase á súa sinalización horizontal e vertical.

“O estado de deterioro vía pode supoñer un risco para o tráfico, por iso, dende o Concello consideramos urxente o seu acondicionamento, garantindo así a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas destas parroquias”, subliña Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.