Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba prepara a licitación do servizo de limpeza dos edificios

Por 13 Febreiro, 2021Febreiro 14th, 2021Sin comentarios

O Concello de Vilalba traballa na licitación do servizo de limpeza nos edificios públicos que son propiedade municipal, un concurso no que o grupo de goberno local leva tempo traballando e que se prevé finalizado este mesmo mes.

“Englobaremos os diversos servizos que se están prestando nun único contrato, primando a seguridade xurídica e un servizo de calidade, máis se cadra nos tempos nos que estamos a vivir”, asegura Rodrigo Pavón, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Servizos, Espazos Cidadans e relación cos veciños.

Para a elaboración da documentación do contrato, o grupo de goberno analizou detidamente en que aspectos podería mellorar o servizo, gañando en efectividade e eficiencia.

“Ademais, a pandemia do coronavirus obriga a ser moi coidadoso con este tipo de contratos, dando resposta ás demandas veciñais. Non é de recibo que existiran diversos contratos para a prestación dun mesmo servizo e o espírito da nova contrata debe ser o de garantir unha prestación de calidade, cubrindo as peculiaridades que existan en cada instalación”, engade Pavón. “Foi un traballo que levou tempo e que se prevé esté finalizado neste presente mes”, remata.

O contrato de limpeza inclúe tamén aos colexios de Vilalba.