Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta vincula á xestión privada o servizo de limpeza

Por 20 Febreiro, 2021Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de saír ao paso do anuncio do Goberno, en relación coa licitación dos servizos de limpeza en colexios e instalacións de titularidade municipal.

Logo dun segundo requirimento de información no Concello, a formación censurou diante da prensa a “incomprensible” aposta do goberno do PSOE polo “mesmo modelo de xestión privada do PP” ao que vinculan coa actual situación laboral das traballadoras.

Tal e como explicou a súa vicevoceira municipal na corporación, Mª Xosé Fernández, “o camiño privatizador inaugurado polo PP traduciuse e máis precariedade e menos dereitos” para unhas traballadoras, ás que definiu como as “verdadeiras garantes da calidade da prestación”.

“Dende Vilalba Aberta vémonos na obriga de saír ao paso da situación laboral dunhas veciñas que, nalgúns casos, acumulan xa entre 2 e 5 meses sen cobrar diante do silencio e a pasividade dun Goberno Municipal que, lonxe de poñer as bases con vistas a reverter o servizo para o público, persiste nunha modalidade de prestación pensada para beneficio de concesionarias que, a pesares de recibir miles de euros dos vilalbeses/as, actúan sen ningún tipo de mecanismo de control municipal.

Para Vilalba Aberta, o acontecido non fixo máis que pór de manifesto o conxunto de eivas dun modelo de xestión “abertamente ineficaz”, así como a necesidade de “impulsar un cambio de paradigma que aposte pola xestión pública deste tipo de servizos”.

Nesta liña, Mª Xosé Fernández avanzou a vontade da formación de trasladar o debate ao Pleno, facendo fincapé na “total pasividade e desidia municipal” en relación coa necesaria aprobación dunha R.P.T (Relación de postos de traballo) para o Concello de Vilalba.

Un instrumento organizativo, que tal e como lembrou “permite ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo en función da necesidade dos servizos que teñan”, o que, ao xuízo da formación, “abriría a porta á prestación directa”.