Vilalba

O PP de Vilalba pide explicacións sobre a obra da rúa do Calvario

Por 21 Febreiro, 2021Sin comentarios

Estado no que quedaron as obras

O Grupo Municipal do PP de Vilalba esixe explicacións ao goberno local polas obras na rúa do Calvario que consideran “un desastre”. Os populares sinalan que “a rúa fai honra ao seu nome porque é un calvario para os seus usuarios” debido ao seu tortuoso trazado con numerosos salientes e entrantes ao que se engade a colocación de bancos cara a parede dun edificio e tamén, poucas semanas despois de rematar a obra, ao firme levantado e a pintura practicamente borrada”.

Os populares consideran acertado que o Concello pida responsabilidades á empresa construtora, pero estiman que iso non exime ao goberno municipal de asumir a súa responsabilidade e de dar explicacións ao respecto. En concreto, o goberno local debe dar explicacións, aseguran no PP, de por que non fixo de maneira adecuada o seguimento e control da obra durante a súa execución.

Igualmente, os populares consideran que o equipo de goberno municipal terá que dar conta de se os defectos apreciados son consecuencia dunha deficiente execución ou se obedecen a problemas do proxecto técnico.

O grupo municipal do PP di que outra cuestión que deberá aclarar o goberno local é a incidencia que ten na calidade das obras o seu criterio de aceptar baixas esaxeradas na adxudicación das obras.

Os concelleiros populares anuncian que preguntarán sobre todas estas cuestións na próxima sesión plenaria.