Skip to main content

Por Noelia Castro Yáñez

Descoñezo fondamente o que pensarei mañá sobre moitos temas dos que hoxe parezo ter unha opinión sólida e formada. E non debo xustificarme por iso, pois non é mais que a miña evolución como persoa. A M. agora xa non lle gustan as mesmas cousas co último verán que pasamos xuntas e eu agora pido unha infusión de froitos vermellos en calquera terraza de Foz. Que si, que eu sempre fun de ideas fixas, e sempre amoso fervorosa o que penso cun fío argumental que me respalda. Na meirande parte de vertentes transcendentais penso o mesmo ca fai dez anos, pero noutras non. Do mesmo xeito que antes lía a Gloria Fuertes e agora a Míriam Ferradáns e a Arancha Nogueira. Ou igual que cando renegaba dos pantalóns anchos e agora a miña conta de Instagram da boa fe do contrario. O mesmo que agora boto de menos o que antes botaba de mais, coma a canción.

Do que trato de darme de conta é daquelo polo que merece a pena vivir. Non sei moi ben as circunstancias que fan que teñas este xornal entre as mans agora mesmo, e tampouco o motivo polo cal te detiveches nesta páxina. Pero se estás aquí, non é froito da casualidade. Spoiler, non existen. En todo caso, da causalidade, do proceso ensaio-erro polo que pasaches en infinitas ocasións. Das camisas que estragache ata dar coa fórmula de branqueado perfecto. Ou do camiño no que te atopas buscando a mesiña de noite que mellor acae no teu cuarto. Se nos preguntasen a un grupiño de xente cal é a nosa meta vital, xógoma a que no meu entorno mais de preto as respostas serían algo así: facer feliz á miña filla, darlle aos meus mais diso que lles fai rir, crear un entorno laboral agradable na empresa…E falo de xente que coma todos, pasa a meirande parte dos días con esa frustración que nos caracteriza agora a esta xeración. Sen percatarnos de que estamos a conseguir as nosas metas no momento en que fixamos uns destinos reais, lonxe da banalidade e pretiño da ledicia. 

Con isto quero dicir que está moi ben ser unha persoa ambiciosa, ter mentalidade gañadora para dar o mellor dun mesmo. Mentalidade de tiburón para os exames di o meu alumno J.O. Pero tamén está moi ben sentar a rir con miña nai do mal que cantamos as dúas a pleno pulmon. Ir na moto de auga en marzo sen escarpíns e sentir o mar nos pés. Abrir boqueiras e esquecerse.