Skip to main content

Por Arturo Vijande

Como veterinario  de pequenos animais atópome moitas veces coa dificultade de explicar aos meus clientes de que maneira, unha determinada enfermidade, pode afectar as súas mascotas.  A LEUCEMIA FELINA (FeLV) é un bo exemplo  diso xa que se pode presentar de moi diferentes formas e con cadros patolóxicos de moi distinta gravidade.

O primeiro que quero aclarar é que a  FeLV  non ten nada que ver coa Leucemia humana e que non é unha enfermidade contaxiosa para os humanos, aínda que si para outros felinos, como veremos máis adiante.

Nos gatos esta enfermidade está causada por un virus, neste caso un  retrovirus, e afecta non só aos gatos domésticos senón tamén aos salvaxes e ao lince ibérico.

Cando un gato inféctase con este virus, este introdúcese nas súas células e o seu material xenético intégrase no material xenético do animal hospedador de forma que ao dividirse as células do  hospedador vanse xerando células fillas infectadas co virus.

Todas as células dos gatos actuais conteñen secuencias de material xenético do virus (ADN:  Acido  desoxirribonucleico). Estes fragmentos de ADN chámanse virus endóxenos ou herdados e son a evidencia de que a infección dos nosos gatos ocorreu miles de anos atrás nos seus “parentes  salvaxes”. Os virus endóxenos por si mesmos non son capaces de producir a enfermidade pero si de xerar virus novos moi patóxenos ao intercambiar información xenética cos virus  exóxenos que proceden de gatos infectados.

Actualmente o virus da  FeLV distribúese por todo o mundo, pero a súa prevalencia (% de infectados) depende basicamente da densidade dos gatos e dos seus costumes, sendo máis alta en zonas onde os gatos saen ao exterior, xa que se non existe contacto directo  entre eles non se pode transmitir. Así, hai zonas xeográficas onde a  prevalencia é do 1% e outras nas que se aproxima ao 20%.  EEUU e Canadá así como algunhas zonas de Europa teñen uns baixos índices de infección. En España estímase entre o  1 e o 2%.

Loxicamente o maior risco está en criadeiros e en gatos de cidade que viven no exterior, onde é máis fácil o contacto físico entre eles. En comunidades grandes de gatos pode chegarse a un 30 % de gatos portadores. Non obstante estas cifras teñen tendencia descendente debido ás achegas científicas, que fan que os profesionais saibamos máis da enfermidade, da súa forma de transmisión, do seu diagnóstico e das maneiras de previla.

Os test  serolóxicos, as vacinas dispoñibles no mercado e a información aos propietarios  contribuíron en gran medida a baixar os contaxios entre individuos.

Afortunadamente é necesario o contacto físico entre os animais para a transmisión da FeLV. Isto é así porque o virus é moi lábil no medio ambiente, sendo facilmente destruíble pola calor, os raios solares, a secura, os desinfectantes e mesmo os xabóns de uso cotián, de maneira que non adoitan sobrevivir fora do hospedador máis que varios minutos. Compárese isto co Coronavirus causante da covid 19, que nestes momentos azouta ao noso planeta, o cal baixo determinadas condicións pode permanecer con capacidade infectiva ata 4 días á intemperie.

A principal vía de transmisión é a saliva, sobre todo por compartir comedeiros e bebedoiros, aínda que tamén ao acicalarse mutuamente e a través de mordeduras. Outras vías de contaxio poden ser a placenta, o leite materno, o seme ou mesmo a picadura da pulga.

Os animais máis susceptibles de ser infectados son os mozos, e a medida que van avanzando en idade vanse facendo máis resistentes, e o cadro clínico que xera nos animais depende en gran medidas do seu estado inmunitario, podendo, desde pasar inadvertida en gatos  inmunocompetentes, a ser unha enfermidade mortal noutros cuxa resposta  inmunitaria (anticorpos=proteínas de defensa) non sexa neutralizante.

Os síntomas que aparecen tras a infección son:

1. Relacionados coa Inmunosupresión;  calquera tipo de infección concorrente pódese exacerbar en gatos infectados.

2. Anemia. E ademais descenso no número doutras células sanguíneas como Glóbulos brancos e plaquetas

3. Cancro: basicamente linfomas e leucemia.

Os animais infectados deberían manterse recluídos nos fogares, tanto para evitar a propagación do virus como para controlar todas as posibles patoloxías derivadas da enfermidade. Neste sentido as revisións veterinarias periódicas son unha arma moi importante para controlar o seu progreso. Tamén é indiscutible o beneficio da esterilización, debido a que minimiza o contacto entre animais e diminúe en gran medida o seu nivel de tensión.