Skip to main content
Barreiros

Concello e madeiristas de Barreiros habilitarán zonas de carga

Por 2 Marzo, 2021Marzo 3rd, 2021Sin comentarios

Reunión de madeiristas e responsables do Goberno municipal no Concello de Barreiros

O Concello de Barreiros reuniuse coa Asociación de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo para facer seguimento do convenio asinado no mes de setembro para o mantemento das infraestruturas forestais.

A valoración realizada tanto polo Concello como pola propia asociación do acordo é positiva no relativo ás comunicacións das cortas e ao control establecido e insistiron na necesidade de colaboración para a execución total do acordo. Neste sentido, reiteraron a necesidade de sinalar as cortas que se realicen no municipio e o compromiso das empresas para reparar os posibles danos que poidan sufrir as vías municipais.

Nun paso adiante na colaboración iniciada, desde o Concello trasladouse a intención de habilitar zonas de carga para a madeira, así como de arranxar vías de saca principais. Os representantes dos madeiristas mostraron a súa satisfacción coa proposta e trasladaron a disposición de colaborar, mesmo economicamente, nas obras necesarias para levalas a cabo.

A alcaldesa, que participou na xuntanza acompañada do concelleiro de medio rural, Dámaso Ratoeira, sinalou que “a acollida das propostas que se presentaron foi mo boa e que a disposición do colectivo foi absoluta de cara a comezar unha senda de colaboración que permita dotar a Barreiros de mellores infraestruturas no eido forestal.”

Desde o Concello de Barreiros amosan “satisfacción pola dispoñibilidade amosada e por ter logrado un acordo que, pola vía dos feitos, pode redundar no interese xeral, avanzando na colaboración con un sector fundamental no económico e que debe repercutir positivamente no territorio.”

Nas vindeiras semanas planificarán conxuntamente os traballos a levar a cabo, de xeito que, cando o tempo o permita, se poidan realizar para poder afrontar a vindeira campaña do inverno en mellores condicións.

Desde o Concello tamén sinalan que “a pesar da dificultade de levar a cabo a extracción de madeira nun inverno tan chuvioso coma este, existe plena disposición e compromiso de acometer as obras necesarias en canto o terreo estea en mellores condicións para realizalas.”