Skip to main content
BurelaCervoComarca AMARIÑAXA

O BNG de Cervo e Burela aporta solucións para o abastecemento de auga

Por 19 Marzo, 2021Sin comentarios

Trala información aparecida acerca dunha débeda dos concellos de Cervo e Burela con Augas de Galicia, dende o BNG nos dous concellos queren aclarar que a débeda débese a unha denuncia feita por Augas de Galiza ó Consorcio da xestión e explotación da rede basica de abastecemento de auga de Burela e Cervo, do que o organismo autónomo da Xunta de Galiza participa.

“Xa nos chama a atención que unha entidade que participa no consorcio denuncie ó propio consorcio, pero é que faino por unhas obras das que a entidade autonómica foi ampliando o seu importe de xeito unilateral, sen contar cos concellos” sinalou Mario Pillado voceiro do BNG en Burela.

Continuou Pillado dicindo que “chámanos tamén moito a atención que se executaran obras por 8,5 millóns de euros e non se levara a cabo o dragado do Encoro de Rúa, algo que vimos demandando dende fai moito tempo”.

Para os nacionalistas, o dragado é fundamental posto que “cada vez que a auga presenta turbidez actívase o bombeo de auga do encoro de Río Cobo, motivo polo que en Cervo e Burela pagamos a auga mais cara de Galiza. Executando esta obra non sería necesario o bombeo e poderíase diminuílo prezo das taxas” explicou o voceiro do BNG en Cervo, Diego Fernández.

Amén diso, o voceiro do BNG en Cervo sinala que “se o acordo coa consellería supón que as arcas municipais dos concellos non teñan que facer fronte á débeda logo non pode implicar un aumento nas taxas que pagan as veciñas e os veciños de Cervo e Burela, que xa son do mais abusivo”.

Para rematar, Diego Fernández sentenciou que “xa sexa nun consorcio ou nunha mancomunidade este organismo debe servir para garantir un abastecemento de auga de calidade, non para facer negocio con obras e contratos de mantemento”.