Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Reparten nos concellos exemplares de ‘Cen historias máxicas pola Mariña encantada’

Por 28 Marzo, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo fixo entrega de 500 exemplares de Cen historias máxicas pola Mariña encantada, escrito por Antonio Reigosa e ilustrado por José Luis Neira Brochs, aos concellos da comarca nun acto celebrado no Museo do Mar de San Cibrao.

Esta obra, publicada por Libros Lar, distribúese así entre os concellos para facelos chegar a bibliotecas, centros educativos e outros puntos de lectura e consulta nos distintos municipios.

Os quince concellos referenciados na publicación son Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

O autor, Antonio Reigosa, aproveitou a intervención para reivindicar a necesidade de apoiar e promover desde as administracións o estudo e recollida deste patrimonio inmaterial xa que, como sinala no prólogo do libro, “a nosa literatura oral está aínda, salvo raras e honrosas excepcións, sen inventariar e estudar como sería desexable”.

O LIBRO

Cen historias máxicas, pola Mariña encantada amosa  unha coidada selección do patrimonio de lendas e mitos de transmisión oral recollidos nos concellos da comarca, acompañada polas ilustracións de José Luis Neira Brochs.

A obra, que dedica un capítulo a cada un dos concellos, contén 100 relatos cunha variedade enorme, tanto de protagonistas do lendario popular —demos, trasnos, nubeiros, bruxas, ánimas, mouras e mouros, encantos e tesouros, serpes, sereas, santos e santas…— como de lugares mariños e terrestres como fontes, montes, covas, rochas, illas, fervenzas e outros elementos naturais singulares.

Tamén están os grandes personaxes míticos ou mitificados das terras mariñás. Desde Pardo de Cela ao Conde Santo, pasando por San Gonzalo, a serea Maruxaina, o rei Cintolo e ata o Gardarríos. E os grandes lugares máxicos como a Serra do Xistral, a Frouxeira, san Estevo do Ermo, a illa Coelleira ou a cova da Doncela, e outros imaxinarios  que só existen na nosa fantasía  e nos que habitan cidades mergulladas, augas que curan, santuarios abondosos en milagres, cobizados tesouros, pantasmas e un amplo repertorio de fauna.