Skip to main content
Mar AMARIÑAXAViveiro

Mellora a calidade da auga en dúas zonas de marisqueo de Viveiro

Por 10 Marzo, 2021Sin comentarios

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción marisqueira permitiu cambiar a catalogación microbiolóxica de C a B estable en dúas áreas de Viveiro. Isto permite comercializar o marisco extraído nestas áreas previo paso por unha depuradora, o que reduce os prazos para a súa posta no mercado, pois os produtos procedentes de zonas clasificadas como C deben ser sometidos a un proceso de depuración natural mediante reinstalación en batea para poder ser comercializados en fresco.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que esta decisión é consecuencia da melloría na calidade da auga, especialmente dos parámetros relativos á contaminación pola bacteria E.coli, o que facilitará o traballo dos mariscadores ao reducir os prazos de depuración dos produtos extraídos. Neste sentido, lembrou que a Consellería realiza controis de todas as zonas de produción a través do Intecmar, co fin de garantir a idoneidade dos produtos alimentarios extraídos do mar.

O cambio de catalogación afecta en concreto a dúas zonas consecutivas. Dunha banda, a parte media da ría de Viveiro, entre a liña imaxinaria que une a punta externa do porto de Celeiro coa Pena de Roo e a liña que pasa pola ponte da Misericordia; por outra banda, a parte interna, desde este punto da ponte cara ao interior da ría.

Arias afirmou que “a nova clasificación é unha boa nova para Viveiro, tanto porque pode axudar a dinamizar o marisqueo na zona como polas implicacións medioambientais que entraña”.