Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

Piden máis axudas para o sector marisqueiro

Por 11 Marzo, 2021Sin comentarios

A parlamentaria do BNG, Rosana Pérez demandou incrementar as axudas da Consellería do Mar nun ano de grandes perdas para o sector marisqueiro ante a mortaldade de moluscos nas  diferentes zonas da costa galega.

A nacionalista argumentou que no mes de febreiro os temporais devolveron ás  praias toneladas  de marisco morto ou debilitado e a  baixa salinidade das augas parece ser a causa principal. Ante esta situación criticou que dos 1.498 km de costa galega, a conselleira do mar non visitara as zonas afectadas para constatar   as consecuencias para os máis  6.000 mariscadores e mariscadoras.

En todo o mes, engadiu  a nacionalista, a titular de Mar  non foi capaz de falar con ninguén de  Rianxo, Cabo de Cruz, Noia, Carril, Vilagarcía, Pontevedra, Poio, Vilaboa, Vigo, Camariñas,  ou Redondela, onde a  mortaldade do molusco acadou  unha  magnitude  extraordinaria. Polo  momento, dixo tamén  descoñecemos que medidas ten previstas a Consellería ao respecto agás  a convocatoria das  “axudas ordinarias”,  cunha liña de axudas  de 980.000 euros, cofinanciados polo FEMP para a recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños,  e outra  de 300.000 euros, de fondos propios da Xunta para proxectos de rexeneración,   é dicir, “os mesmos fondos ordinarios que en calquera ano pero este non se parece a ningún outro ano nin de lonxe”.

Rosana Pérez criticou que a Consellería  convocara unha liña de axudas para promocionar os produtos procedentes da pesca e da acuicultura entre a poboación xuvenil por 400.000 e 300.000 euros de fondos propios para rexenerar os lugares onde se debe pescar, neste caso, onde se debe mariscar. Son estas as súas prioridades conselleira? Como  vai facer fronte á perda de ingresos do sector marisqueiro? preguntou a nacionalista.

Pola súa parte Rosa Quintana respondeu que os informes dos técnicos confirmarán a situación real da mortaldade dos moluscos e serán analizadas diversas alternativas ao que a parlamentaria do BNG afirmou que as axudas son as que convoca a Consellería todos os anos e as persoas que se dedican ao marisqueo opinan que este é un ano extraordinario. Por outra parte, dixo, á tenor dos  datos , descoñecemos as súas prioridades e o desenvolvemento dos bancos marisqueiros. Como vai facer fronte a Consellería á perda de ingresos do sector marisqueiro galego, volveu a preguntar a nacionalista, porque os mariscadores e mariscadores non poden agardar polos informes dos técnicos sobre o impacto e esa é a pregunta que volvemos a formularlle, que vai facer a Consellería do Mar?